Exposicións e obradoiros forestais para concienciar sobre o medio ambiente en Ourense
Esta mañá foi inaugurada a exposición “Non queimes o futuro”, que estará presente en Montealegre durante todo o mes de xullo, organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración coa asociación “Amigos da Terra”.
“Non Queimes o Futuro” é unha exposición que está formada por un conxunto de 20 paneis de 1 por 0,70 metros. Os paneis, deseñados sobre un fondo cor madeira e cunha concepción pedagóxica da información -foron elaborados pola A.S.P.G. (Asociación Socio-Pedagóxica Galega)-, presentan textos, fotos e gráficos. A serie comeza coa incidencia do lume no desenvolvemento da humanidade e da agricultura, centrándose nos incendios forestais, reflicten sobre os factores que os condicionan, as causas estruturais e inmediatas, e o papel dos humanos como incendiarios (incendios intencionados e por neglixencias). Infórmanos, de seguido, dos valores do monte, sobre as políticas de aproveitamento forestal e de ordenamento dos montes e sobre o que perdemos nun incendio forestal. A extinción dos lumes forestais e como axudar a evitalos. O valor da prevención, unha serie de medidas preventivas, de doada e imprescindible execución, completan a información que ofrecen os paneis.
“Obradoiro Nómade Antela” presenta materiais e produtos do monte, como madeiras, utensilios, libros, mediciñas, danos producidos ou lixo deixado nos ecosistemas forestais. Pretende incidir na valoración social do monte. Os ecosistemas forestais son imprescindibles para a vida na Terra, proporcionan hábitats para unha enorme variedade de especies, son os chamados “Santuarios de Biodiversidade”.
Os montes son un sector estratéxico para o país, dende o punto de vista ecolóxico, económico e social. Formar, concienciar e divulgar ao conxunto da poboación da importancia dunha xestión sostible dos montes, da importancia da conservación da biodiversidade e do que podemos facer cada un de nós para conservar o patrimonio natural, son parte dos obxectivos do Obradoiro Nómade.
Co obradoiro realizanse distintos talleres tendo en consideración as posibilidades da contorna (orientación e cartografía, plantación de árbores, restauración-recuperación de espazos degradados, saídas interpretativas de ecosistemas, detección localización e denuncia de danos ao medio ambiente…). O obradoiro tamén se complementa con un diaporama con imaxes de ecosistemas forestais, montes, incendios, árbores e o que pode facer cada un de nós para coidar e conservar o patrimonio natural. O diaporama sirve para incentivar que os participantes manteñan coloquios, aporten ideas e suxestións que melloren as propostas iniciais.
A exposición poderá visitarse no horario habitual do parque -de martes a venres de 9 a 21 h e fins de semana e festivos de 10 a 21 h-.
1.400 visitas ao mes
Segundo a Concellería de Medio Ambiente, Montealegre recibiu nos últimos tres meses un total de 4.200 visitas, nas actividades ofrecidas. Durante o mes de xullo, haberá tres obradoiros, todos gratuítos: de compostaxe (hoxe a partir das 19 horas), de Semilleiros, o día 17 de xullo ás 17 horas, e de conservas, o día 23 de xullo ás 17 horas.











