Expertos en innovación analizan a tecnoloxía móbil como ferramenta para adaptar os negocios aos novos hábitos dos consumidores
Máis dunha trintena de empresarios e profesionais de diferentes sectores asistiron esta mañá á xornada “Como captar clientes con tecnoloxía móbil”, organizada no Pazo de Mariñán pola Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Tal e como demostraron diversos estudos, nos últimos anos as tecnoloxías móbiles adquiriron un papel fundamental nas empresas, converténdose nunha das ferramentas máis eficaces para captar a atención dos consumidores e obter importantes vantaxes competitivas. Con todo, aínda existen moitos pequenos e medianos negocios que descoñecen os beneficios que lles pode achegar a aplicación destes sistemas e como introducilos na súa actividade diaria. Consciente desta realidade, a Factoría de Innovación da Coruña quixo presentar distintas alternativas para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas vía móbil que lles axuden a incrementar as súas vendas, cun aforro de custos sen precedentes.
Mónica Citores, consultora da Factoría de Innovación da Coruña, abriu o encontro recomendando aos asistentes adaptar os seus negocios á evolución dos hábitos de compra dos consumidores e insistiu na necesidade de desenvolver estratexias de mobilidade que lle permitan captar máis clientes e fidelizarlos, reforzar a súa imaxe de marca e ser máis rendibles. Como punto de partida, animou aos empresarios comezar con tres sinxelos pasos: adaptar a súa páxina web para smartphones, integrarse en aplicacións de descontos e promocións e crear unha ficha da compañía en Google Places. Así mesmo, ofreceu algúns exemplos do funcionamento dos sistemas de xeolocalización, xeofencing, sistemas de pago seguro ou realidade aumentada.
A continuación,Carlos Soro, responsable de Publipan, compartiu a súa experiencia no deseño de soportes inteligentescomo as pantallas táctiles, que permiten ás organizacións ofrecer ao seu público obxectivo atención personalizada en calquera momento e lugar e pór á súa disposición contidos adaptados ás súas necesidades reais de modo rápido e eficaz.
Por outra banda, Jacobo Penide, responsable de Telecon Galicia, centrou a súa exposición no papel da innovación na Smartcity, dando a coñecer un sistema de xestión eficiente da enerxía que, a través de tecnoloxía 100% galega, permite obter información detallada do consumo eléctrico no teléfono móbil.
A xornada clausurouse cunha mesa redonda na que David Barajas, de Esgalla; David Bello, de Veintisie7e; Manuel Teixeiro, de Ilux Visual Technologies; e os relatores Carlos Soro e Jacobo Penide; compartiron cos asistentes a súa experiencia e resolveron as súas dúbidas con respecto á implantación deste tipo de tecnoloxía nos negocios locais.











