Éxito do campo de traballo na conca do río Bradoso trala primeira semana de actividade
O campo de traballo internacional que promove o Concello da Laracha coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia co obxectivo de realizar a completa limpeza e acondicionamento dun tramo da conca do río Bradoso ao seu paso pola parroquia de Montemaior está a ser un éxito tanto organizativo como no desenvolvemento das labores previstas cando se cumpre a primeira semana desde o seu inicio.
Os dezasete voluntarios (inicialmente estaban cubertas as vinte prazas, pero tres persoas de Córdoba, Italia e México renunciaron a última hora por diferentes motivos) proceden de diversos puntos de Galicia, doutras comunidades de España (Sevilla, Zaragoza e Tenerife) e do estranxeiro (Francia, Grecia e Turquía). A maioría deles eran persoas inexpertas no manexo das ferramentas para a realización deste tipo de traballos, polo que durante as primeiras xornadas os cinco monitores especializados que están ao cargo do campo de traballo centráronse na explicación de como deben empregarse os diferentes aparellos, así como no coñecemento da diversidade de especies vexetais que existen nesta zona fluvial.
Unha vez iniciados os voluntarios nestas prácticas, os traballos previstos estanse a desenvolver a un bo ritmo, como puideron comprobar hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de cultura e deportes, Patricia Bello, que acudiron á conca do Bradoso ao seu paso entre os lugares de A Cerceira e O Lorteiro para reunirse co grupo e coñecer o desenvolvemento destas labores.
Todos coincidiron en sinalar a beleza paisaxística e a riqueza medioambiental deste tramo do río Bradoso, ao longo do cal se atopan numerosos muíños de auga –de titularidade privada- que antigamente tiñan unha esencial función económica e social, pero que hoxe en día se atopan en desuso.
Unha vez rematado este programa, o tramo do río sobre o que se está a actuar quedará nunhas condicións óptimas para que calquera persoa que o desexe poida realizar un percorrido a pé e disfrutar deste fermoso entorno natural existente na parroquia de Montemaior.
Os membros do campo de traballo están a realizar as labores específicas de recuperación do entorno natural na conca do Bradoso durante as mañás por un espazo dunhas cinco horas diarias. Dado que outro dos obxectivos principais do programa é dar a coñecer o termo municipal –territorio, historia, patrimonio, costumes, cultura e idioma, entre outros aspectos- polas tardes realízanse diversas actividades didácticas, culturais e de ocio. Por exemplo, ao longo desta primeira semana visitaron os museos do Arquivo da Pesca de Caión e do Centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte de Golmar, acudiron ao centro ecuestre O Ventoso de Erboedo e un curtidoiro. Ademais, na xornada do domingo asistiron á Romaría de Santa Margarida, un tipo de evento que, ao igual que a posterior verbena, era totalmente descoñecido para varios dos voluntarios, especialmente dos procedentes de Grecia e Turquía.
Aloxamento
Para a comodidade dos voluntarios e monitores, o Concello da Laracha equipou ao completo o centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior), onde se aloxan as vinte e dúas persoas durante as dúas semanas de duración deste programa.
O que está a ter por punto de actuación o río Bradoso é o primeiro dos dous campos de traballo que o Concello da Laracha organizará neste verán coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O outro desenvolverase na primeira quincena de agosto e realizaranse labores similares na conca do río Acheiro ao seu paso pola parroquia de Golmar.
Campaña de doazón de sangue
José Manuel López Varela tamén informou aos participantes no campo de traballo sobre a campaña de verán de doazón de sangue que o Concello e o Centro de Transfusión de Galicia presentaron a semana pasada e que xa está en marcha no termo municipal da Laracha.
Aproveitando que as unidades móbiles estarán hoxe e mañá na Praza do Concello tanto en horario de mañá como de tarde, o rexedor animou a voluntarios e monitores a doar sangue e a proposta foi ben acollida, estando previsto que varios deles acudan mañá pola tarde a realizar este xesto solidario que é imprescindible para atender urxencias médicas e salvar vidas.











