Eva Iglesias consegue a mínima de participación para o Campionato de España Absoluto

Eva Iglesias
Xa practicamente está perfilado a relación de atletas que conseguiron a marca mínima de participación para o nacional absoluto en Alcobendas, o próximo fin de semana será a última oportunidade para conseguilo e Eva Iglesias na localidade portuguesa de Braga fíxose con ela.
A pupila de Pablo Díaz competiu como atleta convidada nos Campionatos de Portugal sub 23, na distancia de 10 quilómetros marcha en pista, gañando a proba con 49:34,33. A pesar de que xa ten unha boa marca na distancia de 20 km., en Alcobendas correranse os 10.000 metros e era necesario ter unha marca nesta distancia, por baixo dos 51 minutos, para asegurarse a participación.
O foco atlético este fin de semana estivo centrado no nacional de Federacións Autonómicas, pero tamén na localidade castelá de Ávila celebrouse a dezaoito edición do seu Gran Premio, unha competición moi atractiva á que acudiron algúns atletas da Sociedade Ximnástica. A destacar a actuación de Manuel Muíños que gañou a proba de salto de altura con 2,04; unha pena que non puidese logo saltar o listón sobre 2,07; tamén Eduardo Gallardo asinou 49.16 nos 400 metros lisos, está a custarlle chegar aos 48.57 que fixo o ano pasado e esperamos que o consiga nos próximos días para poder competir en Alcobendas.











