publicidade hoxe

Ethel Vázquez asina un convenio para investir 500.000 euros na mellora do acceso a 30 núcleos rurais do Saviñao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Saviñao
A-
A+
Ethel Vázquez no Saviñao

Ethel Vázquez no Saviñao

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe, acompañada pola delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, un convenio de colaboración co alcalde do Saviñao, Joaquín González, co fin de levar a cabo as obras de acondicionamento e mellora de accesos a núcleos rurais neste municipio lucense.

Ethel Vázquez subliñou que grazas a este acordo, “investiranse máis de medio millón de euros para mellorar un total de 29 accesos a núcleos rurais do Concello do Saviñao, que suman preto de 30 quilómetros”.

Así mesmo, indicou que estas obras licitaranse o vindeiro mes de setembro, para comezar a traballar sobre o terreo posiblemente a finais de novembro, cun prazo de execución de catro meses.

Con actuacións deste tipo, o que pretende o departamento que dirixe Ethel Vázquez “é facer de Galicia un territorio máis sostible, ordenado e vertebrado, un territorio mellor para vivir e que permita un mellor desenvolvemento para as xeracións futuras•, asegurou.

Vázquez engadiu que para lograr este obxectivo “contamos cunha ferramenta de gran utilidade como é o Plan Hurbe, que dota de orzamento ás actuacións que perseguen recuperar os espazos de encontro dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural”.

As actuacións contidas no convenio asinado esta mañá aportarán unha maior calidade de vida dos máis de 4.000 habitantes do municipio.

Contido dos traballos

Os traballos de acondicionamento dos viais terán unha duración de 4 meses, e comezarán coa limpeza, adecuación de firmes, mellora da subbase do espazo necesario para os viais, bacheo e rexeneración. A continuación, realizaranse os perfilados e rasanteos axeitados para servir de soporte ao firme de rodadura, e o pavimento do firme consistirá na aplicación de formigón ou rego asfáltico.

No derradeiro lugar prepararanse as zanxas laterais a acondicionaranse debidamente os accesos existentes ás fincas colindantes para permiti-los pasos de gando e maquinaria dende o vial.

Concello de Pantón

Tras a visita ao Saviñao, a conselleira de Medio Ambiente desprazouse a Pantón para asinar un convenio de colaboración co alcalde da localidade, José Luís Álvarez, para o soterramento de instalacións eléctricas na estrada N-120, fronte ao mosteiro cisterciense das Bernardas. O obxectivo é retirar completamente as liñas eléctricas aéreas que se atopan próximas á entrada do mosteiro. Deste xeito, elimínanse elementos discordantes co contorno e ponse en valor o lugar.

Esta actuación, que supón un investimento de case 27.000 euros, supón o remate das obras de acondicionamento e mellora da contorna deste ámbito histórico, obras nas que a Xunta de Galicia investiu preto de 400.000 euros.

Plan Hurbe

Estas obras son un exemplo das actuacións que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a desenvolver a través do Plan Hurbe, que, dende a súa posta en marcha en 2010, leva propiciadas un total de 83 actuacións, cun investimento deste departamento de máis de 92 M€.

Ethel Vázquez subliñou que a sinatura destes convenios enmárcanse na aposta da súa consellería pola provincia de Lugo, á que destina este ano 58 M€ dos orzamentos.

1 de xullo de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.