Estramil proclámase campión do torneo “Concello da Laracha” de peñas de fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Estramil tras gañar o torneo

Estramil tras gañar o torneo

O Campionato de Peñas de Fútbol “Concello da Laracha” tivo un dos finais máis emocionantes na historia deste clásico torneo de verán. Estramil impúxose a Bértoa nos lanzamentos de penaltis, aos que accederon tras lograr o definitivo empate a tres goles na última xogada do partido, xa no minuto 94.

Os máis de cen espectadores que asistiron ao Campo Municipal da Laracha puideron presenciar un encontro aberto, con alternativas no marcador e moitas ocasións para os dous equipos.

Na primeira metade Bértoa –conxunto composto case integramente por xogadores laracheses- fixo valer a experiencia para impoñer o seu xogo e ter o control do partido durante moitos minutos, sempre liderados pola calidade de Meni no centro do campo e destacando a fortaleza defensiva de todo o conxunto. Despois do tanto de Zopi (0-1, min 13), Bértoa mesmo perdeu ocasións para ampliar a súa vantaxe, pero recibiu o tanto do empate (1-1, min 46+), un sensacional disparo lonxano de Jano xusto antes do descanso.

No inicio da segunda metade Estramil volveu sorprender co segundo tanto (2-1, min 51), esta vez obra de Rama aproveitando unha indecisión na zaga rival, pero Bértoa soubo reaccionar e en poucos minutos dáballe a volta ao marcador con dous potentes lanzamentos desde fóra da área de Iván (2-2, min 62) e Meni (2-3, min 67).

O xoven conxunto do Estramil arriscou para buscar o empate e os últimos vinte minutos foron especialmente emocionantes. Os dous conxuntos perderon ocasións moi claras, incluso as mellores foron ao contraataque para Bértoa, que non foi quen de pechar o partido, e no último instante Rama, en xogada individual partindo desde a esquerda, lograba o empate definitivo para os da parroquia de Torás (3-3, min 94+).

Na tanda de penaltis houbo que chegar ata o sétimo lanzamento para determinar o equipo gañador. Nuchas, gardamenta de Estramil, detivo dous disparos e Chicho acertou coa portería no penalti definitivo.

O evento pechouse co acto de entrega dos trofeos, que foron entregados polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de deportes, Patricia Bello. Ademais do premio ao campión (Estramil) e subcampión (Bértoa), San Ramón Veteranos recibiu o galardón do terceiro clasificado e Suiza Peisaco foi cuarto.

 

14 de xullo de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.