Esteiro espera a visita dunhas 30.000 persoas na tradicional competición de carrilanas
Ás 19.00 horas do día de hoxe comezan os adestramentos libres para o XXVII Gran Premio Carrilanas de Esteiro Marqués de Vizhoja, festa declarada de interese turístico galego e que congregará na parroquia muradá de Esteiro a máis 80 participantes e 30.000 visitantes segundo as estimacións da organización.
As celebracións festivas, que transcorrerán desde o día 19 até o domingo 20, contarán un ano máis co patrocinio de Adegas Marqués de Vizhoja. Os propietarios da Adega de Arbo aseguran “que esta nova edición brindará a posibilidade de revalidar o espírito de traballo, colaboración, superación e celebración co que se empapa Muros nesta celebración, e do que propios e alleos namóranse ano tras ano”.
Esta XXVII edición conta ademais co aliciente da candidatura presentada do Gran Premio Carrilanas de Esteiro Marqués de Vizhoja a Festa de Interese Turístico Nacional, e que será resolta nunhas semanas. “Temos moitas esperanzas depositadas na designación do Gran Premio Carrilanas de Esteiro Marqués de Vizhoja como Festa de Interese Turístico Nacional, a pesar de que son moitos os requisitos esixidos, pero coidamos que estamos moi moi preto de que a edición do 2015 conte xa con esa distinción. Sería o xusto, a verdade” afirma o Presidente da Asociación Deportiva e Cultural Esteirana de Carrilanas, David Fernández.
O programa de actividades do XXVII Gran Premio Carrilanas de Esteiro Marqués de Vizhoja, ademais de comprender as carreiras de carrilanas infantís, carrilanas lentas de paseo e carrilanas rápidas, complétano a exposición de carrilanas na Alameda de Esteiro, degustación de produtos típicos con viño Marqués de Vizhoja e a tradicional verbena. Adegas Marqués de Vizhoja realizará tamén o percorrido da competición coas súas dúas carrilanas; unha lenta de paseo realizada polo mestre artesán “Xerente” e outra rápida de competición.