publicidade hoxe

Esta fin de semana dispútanse tres Campionatos de Galicia de Ciclismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do BrollónDeportesO PáramoO Rosal
A-
A+

Este fin de semana celebraranse tres dos cinco Campionatos de Galicia das distintas modalidades que se disputarán ao longo do mes de xullo. O primeiro deles será o sábado, 12 co Campionato de Contra-reloxo individual organizado polo C.C. O Rosal na capitalidade do municipio pontevedrés sobre un percorrido con certas dificultades orográficas no novo viario que une Goián coa Guarda e que inaugurará o Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Nuñez Feijóo.

Así que serán os ciclistas de todas as categorías os primeiros en utilizar esta nova via de gran importancia para a vertebración do sur da provincia. As distancias a percorrer para as distintas categorías son de 12,5 km. para os cadetes, mulleres e máster 50/60, 18,1 km. para os junior e master 30 e 40 e 25.3 km. para os élite, senior e sub 23. Cando aínda faltaban máis de 24 horas para o peche das inscricións xa había máis de 200 ciclistas que formalizaron a súa participación.

O domingo, dobre sesión de BTT co Campionato de XCO. O club encargado da súa organización será o C.C. Monforte que afronta o reto coa ilusión e a experiencia de organizar o Campionato de Galicia de Maratón en 2013 no mesmo municipio, A Pobra de Brollón (Lugo)

Xa pola tarde, e na mesma provincia de Lugo pero na localidade do Páramo disputarase o Campionato de Galicia de Descenso e será o Galicia DH o club organizador.

As tres probas contarán coa participación dos galegos que están entre os mellores especialistas nacionais en cada unha das modalidades con nomes como Óscar González, Paula Sanmartín, Irene Trabazo ou Aser Estevez en CRI, Tony Pérez, Alejandro Caamaño, Manuel Pellón ou Carmen Rosi en DH e Pablo Rodríguez, Mauro González e Lucía Vázquez en XC.

10 de xullo de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.