En 20 minutos a Ximnástica consegue dúas medallas no Campionato de España
Foi en 2009 e o ano pasado, cando a Ximnástica conseguiu o seu mellor resultado, dúas medallas no Campionato de España Absoluto. Agora en 2014 vólvense a conseguir outras dúas preseas nunha competición que se celebrou na localidade madrileña de Alcobendas.
Ignacio Sarmiento confirmou que era unha seria opción ao podio, fixo a carreira da súa vida nos 400 metros valas, con 50.63 asinou marca persoal e record da Ximnástica, levándose unha merecidísima medalla de bronce.
Alberto Salcedo, correu practicamente a continuación de Ignacio a final de 200 metros, fíxoo moi ben e con 21.26 levou outro bronce.
Víctor Gallego estivo moi preto de colgarse unha medalla con 53,94 quedou cuarto; hai unha semana lanzou 56 metros, con esa marca fose medalla, pero o tinerfeño Joaquín Millán fixo a marca da súa vida e arrebatoulle a presea a Víctor.
Aínda que era moi complicada a medalla, os tres primeiros baixaron dos tres minutos e dez segundos, o equipo da substitución longa da Ximnástica correu coma se pelexasen pola vitoria, iso valeulle o quinto posto e a mellor marca da historia da veterana Sociedade con 3.14.13; Eduardo Gallardo, Ignacio Sarmiento, Eduardo Suárez e Alfonso Pérez; melloraron en case un segundo a marca anterior do 4×400 pontevedrés.
A Ximnástica sumou outro tres postos de finalistas a cargo de Eva Iglesias, que foi sétima nos 10 km. marcha, con record da Ximnástica, ao facer un tempo de 48.09.06. Santi Ferrer Alonso, sétimo na esixente proba do Decatlon, sumando 6.355 puntos e o oitavo posto de Julián Ortiz na final dos 110 metros valas con 14.20.
Aínda que non conseguiron un posto de finalista non hai que esquecerse do resto de atletas da Ximnástica, que contabilizaron a maior participación do equipo pontevedrés nun Campionato de España. Manuel Muíños foi undécimo no salto de altura, Sergio García e Eduardo Suárez, non progresaron á final de 800 metros, aínda que Sergio fixo marca persoal nas semifinais con 1.50.46. David Martínez tampouco puido clasificarse para a final dos 1.500 metros. Eduardo Gallardo tamén quedou fóra do seu final, a dos 400 metros.
David Alejandro non pasou da primeira rolda eliminatoria dos 100 metros e Marc Tur, foi descualificado na proba de 10 km. marcha cando estaba a pelexar pola medalla de prata.











