Educamóbil e o “Día do Avó e da Avoa” na Ludoteca de Verán de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Os/As menores da Ludoteca de Verán – Campamento Urbano, organizada polo Concello de Verín, formarán parte mañá 23 de xullo dunha serie de de actividades educativas, lúdicas e solidarias, entre as que se atopan Educamóbil, “Día do Avó e da Avoa” e a campaña solidaria “Valeria, a túa loita é a nosa loita”.

O autobús do Educamóbil desprazarase ata Verín co obxecto de ofertar actividades lúdico e educativas a nenos/as con idades comprendidas entre os 4 e 11 anos. Este autobús instalarase na rúa Irmáns Moreno, fronte ao Pavillón Municipal de Deportes de Verín, e no seu interior os/as menores poderán participar en iniciativas de lectura e música, xogos educativos e informática; onde estarán atendidos por persoal cualificado. Este servizo gratuíto, ofertado pola Fundación Seur e a Deputación Provincial de Ourense, busca ofrecer alternativas de lecer e formación aos/ás máis pequenos/as do rural ourensán e converterse nunha iniciativa para conciliar a vida familiar e laboral dos pais e nais.

Por outra banda, e tal e como sucedeu na última xornada de feira na localidade, os/as nenos/as da Ludoteca de Verán- Campamento Urbano promoverán a campaña solidaria “Valeria, a túa loita é a nosa loita”, na que recadarán fondos destinados ao tratamento de rehabilitación neurolóxica de Valeria De Dios, unha pequena verinense de catro anos que padece unha ataxia cerebelosa non filiada. Para a mesma, os/as menores elaboraron diferentes manualidades como broches, pulseiras, pompóns, ou lapiceiros, entre outros, que son vendidos nun stand na rúa Lisa durante as xornadas de feira dos meses de xullo e agosto..

Tamén mañá, 23 de xullo, terá lugar a celebración do “Día do Avó e da Avoa”, destinado a homenaxear aos avós e avoas, alicerce fundamental na institución familiar e recoñecer publicamente a importante labor social que realizan. Co fin de fomentar a convivencia interxeneracional e conmemorar esta data, o Concello de Verín organizará as seguintes actividades: contacontos, manualidades, xogos populares e entrega de agasallos aos avós/as por parte dos seus/súas netos/as. As mesmas desenvolveranse, durante o horario de mañá, na Ludoteca de Verán – Campamento urbano de Verín (Módulos do CEIP Amaro Refoxo).

Por outra banda, o 24 de xullo e como preludio a Batucada 2014, os/as nenos/as da Ludoteca de                         Verán- Campamento Urbano celebrarán a ‘Ludobatucada’, un desfile no que percorrerán as rúas de Verín, e no que lucirán disfraces elaborados por eles/as mesmos/as.

22 de xullo de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.