Dúas persoas detidas nas protestas pola toma de posesión de Agustín Hernández como alcalde de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaSucesos
A-
A+
Europa Press

Un centenar de persoas protesta ante a sede do Concello de Santiago pola toma de posesión de Agustín Hernández como terceiro alcalde da capital de Galicia neste mandato. No medio dun nutrido dispositivo policial, dous sindicalistas foron detidos tras saltarse o cordón policial que afastaba aos manifestantes da entrada de autoridades no Pazo de Raxoi.

Cando o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia. Alfonso Rueda, se dispuña a acceder ao Concello compostelán, os dous detidos saltáronse os valos que limitaban o perímetro da protesta, situado a uns 150 metros do Pazo de Raxoi, polo que foron perseguidos por axentes e un deles foi reducido no chan.

Un dos detidos é o membro do sindicato nacionalista CIG Renato Núñez, mentres que o outro é Manuel Dacal, da Federación Rural Galega (Fruga). Ambos foron trasladados nun vehículo da Policía Nacional.

Previamente xa se viviron momentos de certa tensión entre o cordón policial e os manifestantes, de forma que o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, reprobou o operativo de axentes que custodian a toma de posesión de Agustín Hernández, ao consideralo “desproporcionado”.

O centenar de persoas que protesta grita consignas como “Goberno non electo, democracia sen efecto”, en referencia a que sete dos edís do PP que acceden a Raxoi tras as últimas dimisións non concorreron nas listas das municipais de 2011. “Agustín golpista” ou “Terceiro alcalde, terceiro cofraude” son outras das consignas coreadas ás portas da sede do Consistorio compostelán.

PLENO

Pola súa banda, no interior do Pazo de Raxoi, arrincou o pleno no cal o exconselleiro de Medio Ambiente asumirá o bastón de mando da capital galega. A sesión plenaria está presidida polo alcalde dimisionario, Ángel Currás, e por Reyes Leis, a única concelleira do PP que permanece desde o principio deste mandato.

O pleno arrincou coa renuncia de Ángel Currás, quen entrou no salón xunto a Agustín Hernández. O BNG decidiu abandonar a sesión plenaria, á que asisten autoridades como o delegado do Goberno, Samuel Juárez; ou a conselleira, Ethel Vázquez, quen relevou a Agustín Hernández á fronte do departamento de Medio Ambiente na Xunta.

8 de xullo de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.