Dous xóvenes promoven o voluntariado europeo cunha aventura solidaria e interactiva polo continente

Mariana Romero, Juan Cortés e Ira
Mariana Romero, Juan Cortés e Ira parten hoxe desde Madrid, na súa furgoneta TE do ano 86, especificamente adquirida e posta a punto ao efecto, para unha aventura continental coa que pretenden promover o voluntariado en Europa, dando a coñecer persoas, organizacións e proxectos de todo tipo, vinculados ao mundo do traballo a favor de causas solidarias.
“Cando se fala de voluntariado, case todo o mundo pensa na África, Asia ou a América do Sur”, afirma Juan. “Mariana e eu coñecémonos en Kenya, facendo voluntariado, e pensamos que era importante dar a coñecer as posibilidades do voluntariado no noso propio continente, en Europa”.
O proxecto é posible grazas ao financiamento conseguido a través de crowdfunding, e a súa duración dependerá do que rendan as achegas xa recibidas (890 euros) e das que a partir de agora se produzan a través do seu sitio web. “En todo o momento queremos que fique claro que o diñeiro que recademos será destinado exclusivamente a continuar a viaxe (combustible, comida, etc.) e sempre se saberá en que o gastamos. Se conseguimos voltar con algo de diñeiro, doarémolo á asociación máis votada entre as que visitemos durante a nosa viaxe”, esclarece Mariana.
A aventura poderá ser seguida por calquera persoa interesada a través dun blog que actualizarán diariamente e de vídeos semanais colgados no Youtube, filmados e editados sobre a marcha pola propia Mariana, profesional da imaxe e o son e especialista en dirección documental. Juan, desenvolvedor de software na cooperativa devtopia.coop, encargarase da difusión a través da rede.
O proxecto conta cun sitio web propio, www.atripwithira.com, desde o que se pode acceder a toda a información e actualizacións.
Viaxando cunha cadela por Europa… Os pros e os contras
Ira, a cadela que Juan acolleu despois de ter sido abandonada cando era só unha cachorra, será a terceira integrante do equipo, o que dará pé a que a aventura tamén sirva para mostrar os pros e contras de viaxar cun can polo continente.
“Investigaremos en cada país a que lugares podemos entrar e a cales non, e que problemas nos encontramos”, asevera Juan.
Unha aventura interactiva
Ademais de recibir información puntual a través de internet, as persoas que sigan as evolucións de Mariana, Juan e Ira, poderán participar na aventura suxerindo persoas, organizacións ou proxectos a incluír no periplo.
E quen se dediquen ao mundo da música, poderán enviar as súas propostas sonoras a Mariana, que estudará incluílas nos vídeos semanais como acompañamento.











