Deteñen a tres veciños de Vigo que protagonizaron unha pelexa nas festas do Vao
Axentes da Policía Local de Vigo e do Corpo Nacional de Policía detiveron tres veciños de Vigo de 31 e 37 anos que protagonizaron unha pelexa durante a celebración das festas do Vao, no barrio vigués de Coruxo.
Os feitos aconteceron sobre as 2,00 horas da madrugada deste xoves, cando a Policía recibiu un aviso para que se trasladase ao local das festas do Vao, localizado na rúa Canido, onde se estaba a producir unha pelexa entre varios individuos.
Unha patrulla da Policía Local e outra do Corpo Nacional de Policía dirixíronse ata o lugar, onde observaron como tres mozos se estaban a agredir mutuamente, para o que utilizaban obxectos como cadeiras, mesas e botellas de cristal.
Así mesmo, viron como un dos individuos golpeaba cunha cadeira a un varón -o responsable da comisión de festas- que intentaba mediar na disputa. Os efectivos policiais separaron a todos os implicados na pelexa e solicitaron a presenza dunha ambulancia, xa que varios dos individuos presentaban feridas.
Por todos estes feitos, e despois de que todos os feridos recibisen asistencia médica, os axentes procederon a deter por delitos de rifa multitudinaria e de lesións a tres dos implicados, J.R.P. e C.R.P., nigraneses de 37 anos domiciliados en Vigo, e S.V.C., vigués de 31 anos.











