Destínanse 120.000 euros á humanización da avenida Rodrigo de Mendoza en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na súa xuntanza desta mañá, a concesión dunha subvención de 118.768,89 euros ó Concello de Vilagarcía para as obras de humanización da avenida Rodrigo de Mendoza, así coma a adxudicación da ampliación do saneamento nas parroquias de Cordeiro e Setecoros, en Valga, por un importe de 96.000 euros.

No marco do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas municipais, a achega concedida ao concello de Vilagarcía ten por obxecto a reparación da Avenida Rodrigo de Mendoza, situado entre as rúas Santa Eulalia e Doutor Tourón e que na actualidade presenta numerosos afundimentos do pavimento tanto da calzada como das beirarrúas.

Aproveitando esta actuación, preténdese tamén humanizar a zona, dando prioridade ao tránsito peonil e deixando a calzada aberta ao tráfico puntual de vehículos.

Con esta finalidade renovarase completamente o pavimento e situaranse ó mesmo nivel a calzada e as beirarrúas, creando así unha plataforma única.

Na zona de tráfico rodade instalarase lousa de formigón armado con acabado de formigón impreso, mentres que as beirarrúas se realizarán en louseta hidráulica das mesmas características que a xa instalada nas rúas do contorno, dándolle así uniformidade ao contorno. Un bordo de granito servirá de separación entre a zona de beirarrúas e a calzada de uso peonil e rodado.

Saneamento en Valga

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación a NAROM S.L. das obras de extensión do saneamento nos lugares de Vilar, Carracido, Cotriños, Bronllo e Barro, nas parroquias de Setecoros e Cordeiro.

Con esta actuación preténdese estender o saneamento a estes núcleos, eliminando así pozos negros e fosas sépticas, evitando posibles focos de contaminación ambiental.

A rede de saneamento realizarase en tubo de PVC de 315 mm e instalarase pegada á liña de fachada das edificacións existentes. Ademais, construiranse os correspondentes pozos de rexistro e procederase á reposición do firme afectado.

4 de xullo de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.