Deputación e Concello de Pontevedra asinan un convenio para dotar ao novo acceso oeste a Montecelo de alumeado público

Sinatura do convenio de colaboración
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron hoxe un convenio para dotar de alumeado público o novo acceso oeste a Montecelo por un importe de 218.196 euros.
O acordo permite completar a actuación realizada neste punto da cidade para construír un novo acceso ó complexo hospitalario de Montecelo, canalizando o tráfico procedente da zona norte e oeste para evitar a súa entrada na cidade.
No ano 2008 ambas as institucións aprobaron outro convenio para levar a cabo diversas actuacións. Unha delas foi este acceso, que tivo un custo de 5,2 millóns de euros e se levou a cabo en dúas fases e tramos: o primeiro, desde a Porta do Sol á avenida de Bos Aires, adxudicada pola Deputación a Sercoysa en 4,6 millóns de euros; e o segundo, desde Médico Ballina á Porta do Sol, adxudicada a Construcciones Crespo en 577.000 euros.
En virtude dese acordo o Concello transferiulle á Deputación a antiga sede da delegación de Educación, hoxe Edificio Administrativo da Deputación, que linda co Pazo provincial, na avenida de Montero Ríos.
No novo acceso a Montecelo construíronse sendas peonís que son utilizadas por numerosos viandantes, razón pola que é preciso complementar a actuación realizada e dotar o tramo de iluminación antes de entregarlle a obra ó Concello para evitar riscos.
Ese é o obxecto do convenio hoxe asinado por Louzán e Lores para instalar a iluminación pública en ambas as zonas: no tramo primeiro, desde a Porta do Sol á avenida de Bos Aires, a cargo da Deputación, por 112.224 euros; e no tramo segundo, desde Médico Ballina á Porta do Sol, a conta do Concello, por 105.972 euros; cun total de 218.196 euros.
No acto Lores explicou que valoraba moi positivamente os acordos acadados coa Deputación de Pontevedra en beneficio de todos os cidadáns.
Obras en Salcedo, Marcón e Pasarón
Froito deses acordos, en vindeiras datas a Deputación executará obras de mellora en diversas rúas da cidade que, no seu día, foron estradas provinciais: na estrada desde Rosalía de Castro e Mollabao a Salcedo; na estrada interior desde Pedra do Lagarto a Marcón; e no remate do aparcadoiro e a zona verde do Estadio de Pasarón e a conexión coa capela de Santiaguiño do Burgo pola parte sur de Pasarón, unha actuación que mellorará a entrada á tribuna do estadio e un local veciñal próximo.
Planta de compostaxe e recollida do lixo
Pola súa banda, Louzán anunciou que a vindeira semana a empresa Eptisa entregará o proxecto do pequeno cinto circulatorio de Príncipe Felipe.
Respecto da planta de compostaxe o presidente da Deputación afirmou que a institución provincial está a cumprir os compromisos adquiridos, que consisten en realizar o correspondente estudo de viabilidade, no que se investirán 45.908,33 euros, cun prazo de execución de catro meses.
Este estudo de viabilidade deberá determinar, entre outros moitos aspectos, a tecnoloxía máis apropiada para a planta, a capacidade de tratamento idónea e a man de obra necesaria; incluirá un estudo de localización, ambiental, e, por suposto, unha análise de gastos e ingresos.
Respecto do Servizo Provincial de Recollida do Lixo, Louzán dixo que, nunhas semanas, sairá o concurso público para contratar os servizos.











