David Ruiz non continuará xogando no Santiago Futsal
O Santiago Futsal e o xogador David Ruiz Mulas chegaron a un acordo para rescindir o contrato que vinculaba a ambas as partes por unha tempada máis, polo que o que foi capitán do club desde a tempada 11.12 deixará de vestir a camiseta branca tras seis anos no club santiagués. David chegou a Santiago na primeira tempada de Tomás de Deus no banco, a 2008.09, procedente do Benicarló. Aos poucos foi cobrando protagonismo no equipo ata que na súa terceira tempada o seu carisma, tanto dentro como fóra da pista, e a súa experiencia fixo que fose nomeado capitán do equipo até o día de hoxe.
Unha vez finalizada a tempada 13.14 e tras comunicar o xogador de 35 anos ao club que tiña sobre a mesa ofertas no estranxeiro dificilmente rechazables ambas as partes decidiron de mutuo acordo rescindir o contrato do xogador.
Desde o Santiago Futsal queremos agradecer ao “capi” o seu compromiso co club durante as seis tempadas que estivo en Santiago de Compostela. David Ruiz pasará á historia do club como o terceiro capitán do equipo en primeira división tras dúas institucións como Manu e Alemao, así como un xogador que levou a profesionalidade ao seu máximo extremo en cada un dos adestramentos e partidos que disputou co Santiago Futsal. Desde aquí desexámoslle a mellor das sortes tanto a nivel persoal como profesional na nova etapa que comeza.
Está previsto que nas próximas semanas o xogador dunha rolda de prensa para despedirse do club no que máis tempadas estivo na súa carreira deportiva.











