David Cal impúxose na modalidade de C-1 1.000 metros en Verducido

Tono Campos e Diego Romero
David Cal, Diego Romero, Ton Campos, Yeray Picallo e André Oliveira xa teñen a súa praza para o Campionato do Mundo que se disputará en Moscova entre os días 6 e 10 de agosto. O control selectivo de canoas disputouse en Verducido. Diego Romero logrou a clasificación en C-2 1.000 metros e en C-1 5.000 metros. Galicia non puido clasificar a ningún kaiakista na proba disputada en Trasona (Asturias). Cinco padexeiros galegos xa teñen asegurada a súa presenza no Mundial.
David Cal impúxose na modalidade de C-1 1.000 metros, unha distancia na que superou a José Luís Bouza, Sergio Vallejo e José Manuel Sánchez. O padexeiro que posúe cinco medallas olímpicas saíu moi forte e impuxo o seu ritmo desde os primeiros douscentos metros. José Luís Bouza foi o que resistiu o seu empuxe, pero non chegou a tempo para arrebatarlle a primeira posición.
Cal declarou que “esperaba máis dificultades. Foi máis fácil do previsto”. Engadiu que “continuarei a miña preparación en Brasil e veremos en que estado de forma estou para o Mundial”. David Cal regresou este domingo a Brasil.
En C-1 5.000 metros foi Diego Romero o que se impuxo a José Luís Bouza e Ton Campos. Os tres estiveron xuntos case toda a proba. Pero ao iniciarse a última volta e tras o paso pola boia, Ton Campos sufriu un envorco e retirouse da competición. Diego Romero adquiriu unha vantaxe que foi capaz de manter até a chegada.
Pero Ton Campos e Diego Romero teñen unha praza no Mundial en C-2 1.000 metros. No control selectivo desta distancia tiveron que empregarse a fondo, xa que André Oliveira e Yeray Picallo obrigáronlles a non relaxarse. Os gañadores entraron na liña de chegada con pouco máis dun segundo de vantaxe sobre os seus rivais. Máis distanciados quedaron Brais Casas e David Costa.
Precisamente André Oliveira e Yeray Picallo foron os que se impuxeron en C-2 200 metros. Tamén tiveron que sufrir. Adrián Sieiro e Jacobo Lores loitaron até a última palada. A diferenza entre as dúas embarcacións foi dun segundo. Brais Casas e David Costa quedaron a tres segundos dos gañadores.
En Trasona disputouse o control de kaiak. Carla Pérez Coya e Natalia García non lograron o seu obxectivo en K-1 200, mentres Camila Morrison e Raquel Dacosta tampouco o alcanzaron en K-2 200 metros. En K-1 200, o mellor galego foi Carlos Pérez Rial, que ocupou a segunda posición. Carlos Arévalo e Cristian Toro tampouco foron capaces de conseguir a única praza en xogo.











