publicidade hoxe

Culleredo acolle a primeira marcha solidaria contra a violencia de xénero de Ve-La Luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo convértese en anfitrión da primeira marcha solidaria contra a violencia de xénero que organiza a asociación Ve-La Luz, referente no traballo pola igualdade.

O salón de plenos do Concello foi escenario na mañá de hoxe da presentación da iniciativa. A concelleira de Muller, Penélope López, e o concelleiro de Deportes, Miguel Suárez, foron os encargados de presentar a marcha, xunto con Gloria Vázquez, presidenta, e Patricia Quenlle, vocal, da asociación.

A marcha solidaria desenvolverase o domingo, desde as 10.00 horas, polo paseo marítimo do Burgo. O punto de saída será o xardín botánico.

Para participar é necesario inscribirse na asociación, ben no seu local sito na rúa Eusebio da Garda 5B da Coruña, en horario de 10.00 a 14.00 horas, ou na web www.asociacionvelaluz.es.

Dispúxose unha simbólica cota de 3 euros para tomar a saída, sendo a participación dos nenos gratuíta. Esta contía irá destinada a mellorar os servizos aos menores e mulleres afectadas pola violencia de xénero.

A presidenta de Ve-La Luz explicou que a marcha será o punto de partida da campaña “Implícate” que desenvolverá até novembro. “Estamos convencidos de que a violencia de xénero necesita a implicación da sociedade e especialmente da clase política”, sinalou.

A marcha coincidirá coa convocada a nivel nacional. Ve-La luz adherirase coa súa á iniciativa.

A concelleira de Muller de Culleredo mostrou o “orgullo” de que Culleredo acolla o evento. “Sempre estamos dispostos a colaborar desenvolvendo accións para sensibilizar aos cidadáns de que a violencia de xénero segue sendo un tema no que traballar”, afirmou López.

O edil de Deportes resaltou así mesmo a boa idea da asociación de combinar a súa mensaxe concienciador cunha actividade deportiva “ao alcance de calquera cidadán”.

Ve-La luz defende a importancia de visibilizar aos menores, “os eternos invisibilizados” neste problema. A asociación agradeceu a acollida do Concello de Culleredo para a marcha.

21 de xullo de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.