Cores Tourís visitou as obras de reforma da cuberta do CEIP Arealonga de Vilagarcía

Cores Tourís na visita ao Ceip Arealonga
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vilagarcía, para analizar coa concelleira de Educación, Rocío Llovo, e coa concelleira de obras os traballos de mellora do CEIP Arealonga.
Durante a visita, o responsable territorial e a concelleira analizaron as necesidades deste centro e de outros do concello en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, da directora e inspectora do centro educativo a dun axente da unidade técnica.
Así, segundo comentou Cores Tourís, a administración autonómica levou a cabo a reforma da cuberta e caños da pista que comparten este colexio xunto co CEIP A Lomba. “Esta obra, xunto coas demais xa rematadas, constitúen unha mellora neste centro educativo para todo o persoal docente e o alumnado”, engadiu o delegado territorial, que destacou que “supuxo un investimento de 59.971,13 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”.
Dende 2009, o CEIP Arealonga foi obxecto de diversas melloras por un montante total de 339.372,70 euros. Deste xeito, cambiáronse os falsos teitos e luminarias, repuxéronse ventás, facilitouse a asistencia técnica en forxado sanitario e reparouse a caldeira.
O xefe territorial, César Pérez Ares, destacou así mesmo que dende 2009 lévanse realizado obras de mellora e reforma en diversos colexios, institutos e outras entidades educativas por un montante total de 1.262.053,80 euros, que xunto coa inversión feita polo concello alcanza a cifra dos dous millóns de euros. “Este é un investimento moi importante para a adecuación e benestar dos centros do concello de Vilagarcía de Arousa”, rematou o xefe territorial.
Cuberta do CEIP Rosalía de Castro de Carril
O delegado territorial anunciou durante a visita a adxudicación das obras de reparación da cuberta do CEIP Rosalía de Castro de Carril a Cubiertas de Pizarra Galicia SLU por un importe de case 50.000 euros, aos cales o concello engadirá outros 25.000 para a mellora das instalacións deste centro. Por outra banda, tamén se comunicou que este ano se mellorarán as ventás do CEIP de Rubiáns.
Por outra banda a concelleira de Educación comentou que “se están a realizar neste momento tarefas de mantemento en catro colexios”, e engadiu que ademais, “se van a investir preto de 200.000 euros noutras melloras como son a parte da cuberta do CEIP Rosalía de Castro de Carril, varios peches perimetrais como é o caso do CEIP Arealonga, limpeza de tellados e de caños de varios centros.
Por último, Cores Tourís destacou a importancia da colaboración entre Xunta e concello para a mellora dos centros educativos. “Seguiremos traballando para que os centros de Vilagarcía de Arousa se manteñan nas mellores condicións”, rematou o delegado.











