Cores Tourís visita as obras do Plan Marco executadas na Lama

Cores Tourís na visita á Lama
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora dos camiños municipais de Xesta e Gaxate no concello de A Lama dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Jorge Canda.
Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.
As obras supuxeron un investimento de máis de 56.600 euros, e permitiron a mellora do camiño central de Gaxate así como do Liñares en Xesta.
No caso deste último, ensanchouse un tramo deste camiño de Liñares e renovouse a totalidade da vía, demoléndose un muro de mampostería en seco e construíndose outro con pedra granítica con zapata de formigón ciclópeo de 101 metros de lonxitude. En relación ao segundo camiño, o central de Gaxate, proxectouse a mellora cun drenaxe superficial no primeiro tramo con medio caño de formigón e canaleta. A renovación da rodadura no tramo deteriorado fíxose con aglomerado en quente que se estendeu ao longo de 415 metros.
“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Pontevedra, investiranse ao longo do presente ano un total de 500.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a A Lama para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc.
No caso do concello de A Lama, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 238.000 euros dende ese mesmo ano, executándose traballos de mellora en infraestruturas rurais da parroquia de Xesta e Escuadra, así como en Covelo. Tamén se reformaron camiños en Berducido e Forzáns.











