publicidade hoxe

Cores Tourís visita á Cañiza para comprobar a instalación solar térmica do pavillón polideportivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á Cañiza

Cores Tourís na visita á Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá, acompañado polo alcalde da Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, a posta en marcha dunha instalación solar térmica no pavillón polideportivo deste municipio, subvencionada pola administración autonómica a través dos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia.

Segundo destacou o delegado territorial, a obra contou cun orzamento global de case 20.000 euros dos cales 15.000 foron aportados pola Consellería de Medio Rural e Mar a través das subvencións para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos e que son cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2007 a 2013.

O proxecto presentado polo concello de A Cañiza supuxo a instalación de seis placas solares de 2,83 metros cadrados cada unha para a produción de AQS. Trátase de colectores solares de tubos de baleiro. “Esta obra suporá un importante aforro enerxético para o pavillón polideportivo do municipio, que é moi usado polos colexios e asociacións do noso concello”, explicou Miguel Adolfo Domínguez.

As axudas ás que concorreu o municipio da Paradanta, contaron cun orzamento global para toda Galicia de 800.000 euros, e tiñan como obxectivo apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. “De feito”, segundo engadiu Cores Tourís, “as iniciativas limítanse ao uso da enerxía solar fotovoltaica ou térmica en cubertas de instalacións municipais ou pérgolas dunha altura mínima de 2 metros con utilidade funcional, como é o caso do proxecto que hoxe visitamos en A Cañiza”.

17 de xullo de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.