Cores Tourís comproba os traballos nas obras do Plan marco que se executaron na Guarda

Cores Tourís na visita á Guarda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora varias estradas rurais do concello de A Guarda dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, José Manuel Domínguez.
Nesta visita estivo tamén acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, así como a portavoz do Partido Popular na localidade, Fany Iglesias.
Trátase da reforma das rúas Marouco e Proba, nas que se levaron a cabo varridos do firme e extensión de capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros. A maiores, puxéronse a cota as tapas de rexistro existentes. O orzamento global roldou os 40.000 euros.
En concreto, na rúa Marouco, que enlaza a PO-353 coa estrada que vaia á Igrexa de San Lourenzo, melloráronse 272,50 metros cunha superficie de mestura bituminosa en quente de 1.362,50 metros cadrados e se recolocaron 20 tapas de rexistro.
Na rúa Proba, entre a PO-353 e a última casa da zona, pavimentáronse 210 metros con 1.050 metros cadrados de mestura en quente. Tamén puxéronse a cota da nova rasante 12 tapas de rexistro e 7 reixas centrais.
“O investimento total na mellora destes tres camiños rurais será de case 44.000 euros”, matizou o delegado territorial, quen recordou que, no caso da comarca do Baixo Miño, estanse a investir, ao longo do presente ano, un total de case 300.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a A Guarda para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de A Guarda, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 150.000 euros dende ese mesmo ano.











