publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de mellora de dous camiños rurais en Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+
Cores Tourís na visita a Moraña

Cores Tourís na visita a Moraña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron para a mellora de dous camiños rurais do concello de Moraña dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro.

Nesta visita estivo acompañado pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios, así como polos representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase de dous camiños do concello (O de San Martiño-Pallota e o ramal de acceso) onde se levaron a cabo labores de mellora da capa de rodadura e de ampliación de 20 pozos de rexistro.

En concreto, os traballos supuxeron, en relación ao camiño de San Martiño-Pallota, a mellora da capa de rodadura con firme novo de aglomerado en quente ao longo de 931 metros, cun ancho medio do vial de 4,7 metros. No caso do ramal de acceso, a reforma da capa de rodadura efectuouse ao longo de 60 metros de lonxitude e dun ancho de 6 metros. Ademais, neste camiño tamén se ampliaron 20 pozos de rexistro.

O investimento nestes traballos terá un custo total de arredor dos 44.000 euros.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Caldas-Umia, investiranse ao longo do presente ano un total de 318.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Moraña para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Moraña, dende 2009 investíronse na mellora de camiños rurais un total de 188.500 euros.

8 de xullo de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.