publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de mellora da PO-536 entre Vilapouca e Cachafeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Forcarei

Cores Tourís na visita a Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís comprobou esta mañá o inicio dos traballos de mellora da PO-536 acompañado pola alcaldesa do concello de Forcarei, Belén Cachafeiro.

Na visita tamén estiveron presentes o xefe provincial do Servizo de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez, así como o tenente alcalde do municipio, Ricardo Villaverde, o director da obra, José Enrique Pardo, e representantes da empresa adxudicataria, Francisco Gómez Construtora.

As obras consisten na mellora do trazado e fresado do firme, a ampliación da plataforma existente ata un ancho mínimo de 6,40 metros, a incorporación dunha nova capa de rodadura, a renovación da drenaxe lonxitudinal e ampliación da transversal, así como a incorporación de nova sinalización horizontal e vertical. “O primordial é a seguridade dos veciños, ademais de evitar todo tipo de expropiación”, explicou o delegado territorial, matizando que, ademais, a mellora desta estrada suporá a execución dunha cuneta de seguridade paro os peóns, “que se instalará nos tramos onde sexa máis necesario”.

Os traballos que se van a realizar neste vial de 4 quilómetros tamén comprenden labores de roza por un volume de 4.200 m2, escavar 1.700 m3 e demoler estruturas por un volume de 1.500 m3 .

“Esta actuación era unha das obras prioritarias dentro do programa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de mantemento das estradas de titularidade autonómica e mellora da seguridade viaria”, destacou o delegado territorial.

A estrada PO-536 pertence á Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia e discorre integramente polo concello de Forcarei, polo que os preto de 5.000 habitantes deste municipio beneficiaranse das melloras que se leven a cabo na totalidade deste vial ao longo de 4 quilómetros.

A alcaldesa de Forcarei agradeceu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o investimento realizado neste tramo e engadiu que “con esta obra cúmplese a promesa realizada polo ex conselleiro, Agustín Hernández de que en xullo comezaran os traballos”, rematou Belén Cachafeiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que esta actuación súmase á que se executou previamente e que consistiu na eliminación de bacheos localizados e no reperfilado das gabeas. Esta acción viaria da Axencia Galega de Infraestruturas implicou un investimento de 60.000 euros.

Estes traballos realizados en Forcarei, súmanse aos xa iniciados noutras estradas da provincia como a PO-531, a PO-305, a PO-548, a PO-303, PO-534 ou a PO-313, o que suporá a reforma de máis de 105 quilómetros.

30 de xullo de 2014 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.