Corenta nenos participan na primeira quenda do campamento urbano da Laracha
O Concello da Laracha continúa desenvolvendo o programa de actividades de verán que inclúe propostas especialmente dirixidas aos nenos como medio de ofrecerlles a eles alternativas para o aproveitamento do seu tempo libre e, aos seus pais, unha axuda para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante as vacacións do verán.
Esta semana está tendo lugar a primeira quenda dos campamentos urbanos de educación en igualdade dirixidos a nenos de idades comprendidas entre os tres e os sete anos. Desde onte luns e ata o venres están a realizar diversas actividades educativas, deportivas e ludo-recreativas, sempre coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e os hábitos de vida saudables como marco de fondo, nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís durante toda a mañá, desde as 9.00 ata as 14.00 horas.
Como proposta educativa e cultural complementaria, na xornada de mañá mércores realizarán unha saída ao municipio de Ponteceso para visitar o Museo do Xoguete.
Na organización e desenvolvemento deste programa o Concello da Laracha conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Nesta primeira quenda están a participar no campamento urbano de educación en igualdade corenta nenos. A segunda quenda, dirixida ao mesmo grupo de idade e cun programa de similares características ao desta semana, desenvolverase do 4 ao 8 de agosto. O prazo de inscrición permanece aberto e os interesados deben anotarse acudindo á Casa do Concello da Laracha.











