Constitúese o comité que velará polo cumprimento do Código Ético da Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Comité de Ética, o órgano independente que velará polo cumprimento do Código Ético e de Conduta da Deputación de Ourense, constituíuse onte, tal e como estipula a norma dentro dos tres meses seguintes á aprobación do Código polo Pleno da Corporación Provincial de Ourense. Os catro vogais que o integran son: Miguel González Trigás, designado polo Colexio de Avogados de Ourense, quen desempeñará a Presidencia do comité por ser o vogal que máis tempo leva exercendo as funcións que posibilitaron a súa designación para formar parte do comité; Jesús Blanco Giró, designado polo Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local; Enrique José Varela Álvarez, designado por Transparencia Internacional, e Antonio González Fernández, designado pola Universidade de Vigo. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará José Juan Cerdeira Lois, funcionario da Deputación de Ourense elixido por sorteo de entre os pertencentes ao corpo superior da Administración provincial.

A pertenza ao Comité de Ética é gratuíta, sen remuneración, e só se sufragarán os gastos derivados das reunións que teñan que celebrarse para analizar algún asunto. O mandato será por un prazo de cinco (5) anos, non prorrogables, e as posibles baixas nun mandato serán cubertas por acordo do Pleno da Corporación.

O Comité de Ética resolverá sobre os incumprimentos que puideran detectarse no seo da institución provincial, e ven a ser un piar máis na aposta da Deputación de Ourense por dotarse de mecanismos de control e avaliación. Deberá pronunciarse sobre calquera conduta ou comportamento que sexa denunciado e que supoña un claro incumprimento ou violación do Código Ético da institución.

As funcións do Comité de Ética será: velar polo cumprimento do Código Ético e de Conduta; atender as posibles denuncias que se formulen consonte coa existencia da citada norma e o seu posible incumprimento; informar ao Pleno da Corporación mediante expediente informativo motivado dos posibles incumprimentos detectados; resolver as dúbidas formuladas ao redor da aplicación do código, e elaborar un informe anual no que se explique o grao de cumprimento do código e as denuncias recibidas ao longo do ano natural.

Por outra banda, dende o pasado 15 de xullo na páxina web da Deputación de Ourense figuran -cumprindo co que estipula o Código Ético- as declaracións tributarias dos deputados da Corporación Provincial que presentaron en tempo e forma os documentos relativos ao IRPF e o imposto de Patrimonio.

24 de xullo de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.