Concertos da Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música e Tinariwen+Narf Trío nas Festas do Apóstolo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

As Festas do Apóstolo traen na súa programación para a xornada do mércores 30 tres propostas musicais. Comezamos ás 19.30h na Praza de San Martiño Pinario cun concerto familiar dirixido a todos os públicos no que a Banda Municipal de Música, acompañada dos Fantoches Baj, presentan ‘As pombas de Carboeiro’. Ás 21.00h teremos un concerto da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia e pechamos a xornada ás 22.00h na Praza da Quintana con Tinariwen +Narf Trío en concerto.

A Banda Municipal de Música protagoniza unha montaxe moi especial dirixida a todos os públicos e especialmente recomendada para maiores de 8 anos. Será ‘As pombas de Carboeiro’ na Praza de San Martiño Pinario, onde estarán acompañados polo Fantoches Baj para presentar ‘As pombas de carboeiro’, un espectáculo de música e títeres que será de entrada libre. Durante 60 minutos poderemos ver como un frade trata de engaiolar a un batallón do exército napoleónico para tentar evitar que os soldados sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro de Carboeiro. O frade usa 28 cartas do Tarot de Marsella coas que os soldados franceses se entretiñan e inventa un romance con cantos e lendas antigos que ten como protagonista a Cervela de Bonaval, a personaxe dos zapatos vermellos.

O Auditorio de Galicia acolle un concerto da Real Filharmonía de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago. Baixo o nome SON(UT)OPÍAS, estará dirixido por Paul Daniel e contará coa pianista Haruna Takebe. Interpretarán ‘Meditation to the victims of tsunami’ de Toshio Hosakawa; o Concerto para piano nº 23 en La maior; KV488 (2º mov) de W. Amadeus Mozart; e pecharán con ‘Lotus under the moonlight (Homage à Mozart)’ tamén de Toshio Hosokawa. A entrada a este concerto será libre ata completar aforo

Pechamos a xornada na Praza da Quintana coa banda de rock Tuareg Tinariwen, chegados desde Malí e nacidos das rebelións tuaregs de finais dos anos 70 para converterse nunha revelación internacional. Tanto é así que en 2011 gañaron o Premio Grammy ao mellor álbum de World Music co seu traballo “Tassili”, que supón un regreso ás raíces nómades do pobo tuareg. Estarán acompañados por Narf Trío nun concerto que tamén será de entrada libre ata completar aforo.

29 de xullo de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.