Concerto de La banda del camión e Riff Raff dentro das Festas do Apóstolo
Na xornada de mañá, martes 29, no programa de Festas do Apóstolo, a variedade está servida con dous grupos galegos La Banda del Camión e Riff Raff.. Coa primeira gozaremos do rock&roll ao máis puro estilo, interpretando en clave de humor e de xeito moi interactivo co público os seus estribillos pegadizos e no caso de Riff Raff sorprenderannos as súas versións de temas de AC/DC. Comezará ás 22.00h na Praza da Quintana e a entrada é libre ata completar o aforo.
Rock&roll con La banda del camión
La banda del camión fórmase no ano 2000 co único obxectivo de, subidos nun camión, pasar un intre agradable en Entroido e sobre todo celebrar as grandezas dalgún partido do Depor, rocanroleando nun bo número de lugares da cidade e arrabaldes, e mesmo tocando co camión en marcha. Ante semellantes concertos, o ambiente de diversión que se creou en torno ás actuacións, fíxoos pensar en formalizar o proxecto e ensaiar un pouco, para contar cun repertorio que lle permitise volver aparecer por algún escenario. Vendo a espléndida acollida do persoal que acudía aos primeiros concertos, Manolo, cantante e fundador da banda, despois dalgúns cambios, logra convencer aos seguintes músicos, que hoxe en día forman a banda: Gandy, guitarra e voz (ex Cacahué), Pedro, batería (ex Cacahué e Herdeiros da Crus), Rocco, baixista e voz (ex Dramáticos) e Kukas, gaita (ex Cacahué, actualmente batería de Konflikto). A canción que abandera a banda é o ‘Rock do Deportivo’ xa que no centenario decidiron editar un traballo que reunise as distintas versións que se fixeron desta canción, para que todo o mundo puidese telas recompiladas. Aproveitando que Estrella Galicia celebraba o seu centenario, incluíron nese CD unha canción de aniversario dedicadas á súa cervexa favorita.
Ademais, como grupo manifestamente namorado da súa cidade, brindaron outra canción á Coruña, que se recupera dun proxecto no que 14 bandas coruñesas cantaban á súa cidade. O último tema de recente creación, é unha peza feita con motivo do centenario do clube, na que manifestan o sentimento recollido entre os seus familiares e amigos. Posteriormente, a finais do ano 2008, La banda del camión saca un novo disco de estudo, “Rock’n’roll para nenos”, no que recollen 18 temas, algúns inéditos até a data, outras versións de temas coñecidos e revisións do repertorio habitual da banda do camión. Despois da xira co novo disco, tras un descanso, La banda del camión presenta algúns cambios na súa formación. A incorporación de Pablo como músico polivalente (gaita, acordeón, …), as voces de Manu, CH e Patri, ademais de Ángel como guitarrista.
Riff Raff versionando a AC/DC
A banda ferrolá Riff Raff é coñecida por versionar como ninguén os temas de AC/DC, formación lendaria do hard rock. Tomás Domínguez -guitarrista e membro do grupo xunto a Toñito (voz), Miguel (guitarra), Colás (batería) e Massa (baixo)- sempre traballan para ofrecer un concerto perfecto. Riff Raff xa tocaron con artistas recoñecidos (entre eles, Os Suaves, Rosendo ou Whitesnake).











