Concerto de Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro no Meirande de Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

A programación das Letras Galegas 2014, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura, terá este domingo 6 de xullo o seu broche de ouro no Museo Meirande.

“Un paso (sempre) adiante” é o título do espectáculo que ofrecerán dous dos músicos máis importantes da escena galega: Héctor Lorenzo (guitarra e voz) e Santi Cribeiro (acordeón), en colaboración coa editorial Galaxia. A súa proposta artística tradúcese nun espectáculo musical que utiliza as voces máis senlleiras da poesía galega, e que nos vai permitir facer unha viaxe musical polo mellor da poesía de autores como Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro ou Xosé Mª Díaz Castro, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas 2014.

Precisamente do poema “Penélope” de Díaz Castro, é de onde collen o verso que dá título ao espectáculo, que é tamén unha metáfora dun xeito de entender Galicia, sempre cara adiante.

O músico e compositor Héctor Lorenzo conta cunha longa traxectoria musical na que tocou diversos paus musicais, dende a bossa nova ao jazz vocal ou á música de autor. Ten colaborado con músicos galegos como Quim Farinha, Najla Shami ou Uxía, con quen vén de percorrer o país co espectáculo “Rosalía pequeniña”.

O acordeonista Santi Cribeiro, membro de Berrogüetto, é un dos mellores intérpretes de acordeón galegos, que formou parte de diferentes formacións musicais dende ben novo. Foi cofundador tamén do grupo Matto Congrio, colaborou con grupos como Fuxan os Ventos ou Anubía, e participou, xunto con Uxía, no proxecto musical “Rosalía pequeniña”.

A colaboración entre estes dous grandes músicos galegos deu como froito un traballo cheo de orixinalidade, creatividade e sensibilidade, que nos axudará a achegarnos á poesía galega e á obra de Díaz Castro.

O concerto celebrarase o vindeiro domingo, 6 de xullo, ás 20.30 h, no Museo Meirande.
A entrada é de balde.

4 de xullo de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.