Concello e Fundación Axuda en Acción asinan un convenio para ofrecer 220 prazas gratuítas de Coruña Educa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e a directora xeral da Fundación Axuda en Acción, Patricia Moreira, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o próximo curso 2014/2015, polo que a entidade sen ánimo de lucro financiará, con 24.400 euros, un total de 220 prazas de dúas dos programas incluídos en Coruña Educa: 200 prazas para o Programa de Lecer Educativo e 20 prazas para Coruña Diversidade. “Nestes tempos difíciles a colaboración ente administracións e entidades sen ánimo de lucro cada vez debe ser maior e este exemplo de convenio é unha boa forma para lograr que a educación sexa un ben común accesible a todos e nos iguale en oportunidades”, sinalou Carlos Negreira.

O convenio enmárcase dentro do programa que a Fundación Axuda en Acción desenvolve desde o curso pasado para atender as necesidades básicas da infancia e diríxese ás familias con menos recursos co obxectivo de facilitar, no caso coruñés, a conciliación da vida familiar e laboral á vez que se crean oportunidades reais de igualdade.

En concreto, afecta a dous dos programas enmarcados en Coruña Educa: o Programa de Lecer Educativo que aposta por desenvolver, no tempo de lecer de escolares de 3 a 7 anos, unha proposta de actividades lúdicas de carácter educativo que abarca o teatro en inglés (Actor´s Studio), o pensamento matemático-científico (Divermates e Pequeciencia), a animación á lectura (Exprésate), a expresión lúdico-musical (Music and Play) e o desenvolvemento da creatividade por medio da expresión plástica (XperimentArt). Por outra banda, afecta a Coruña Diversidade, uns talleres dirixidos a nenos e nenas con dislexia, altas capacidades, trastorno por déficit de atención con/sen hiperactividade e autismo que tratan de dar unha atención educativa individualizada.

O alcalde destacou que esta colaboración, “a primeira coa Fundación Axuda en Acción que espero sexa o inicio dunha máis ampla”, reforza o carácter social do proxecto Coruña Educa e ratifica a aposta do Concello por unha formación de calidade e unha educación en valores. “Desde a súa posta en marcha por parte do novo Goberno local supuxo un incremento en 25 novas actividades que se ofrecen aos alumnos e alumnas coruñesas o que posibilitou o aumento de participación nun 60%, ao chegar na actualidade a máis de 45.000 alumnos”, explicou e lembrou que os prezos para participar nas distintas accións educativas están conxelados desde 2011. Carlos Negreira finalizou agradecendo á Fundación Axuda en Acción a súa colaboración co programa Coruña Educa “unha peza fundamental para igualar en oportunidades aos nenos e nenas da cidade”.

9 de xullo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.