Comezan nos colexios de Teo as obras de mantemento programadas pola concellaría de Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A Concellaría de Educación de Teo programou traballos de mantemento nos colexios para o verán, que xa se están facendo para coincidir coas vacacións escolares. A semana pasada xa se estaba pintando nos centros da Ramallosa e de Calo.

En Calo vanse pintar as aulas e o corredor do primeiro andar, nos Tilos pintaranse as aulas de educación infantil e na Ramallosa as escaleiras do edificio principal, os aseos do primeiro andar e dúas aulas. Tamén se arranxará un problema de humidade no pasillo do primeiro andar. Para facer estes traballos contratouse unha empresa e está previsto un investimento cercano aos 8.000 euros.

A maiores desta actuación principal os traballadores municipais das brigadas farán diferentes tarefas de mantemento como veñen facendo ó longo do curso. Segundo a planificación da Concellaría de Educación, dirixida por María Garea, dous aspectos principais serán as reparacións de fontanería e electricidade. A maiores desto revisaranse elementos nos patios como as porterías de Calo, colocaranse papeleiras ou solucionaranse humidades.

A brigada tamén se encargará de traballos de pintura na escola de Reis, nas columnas do patio cuberto dos Tilos, no muro exterior de infantil da Ramallosa, así como nos aseos do patio cuberto e do edificio anexo do mesmo centro. Está previsto facer algunha obra de eliminación de barreiras xa que en Calo se fará unha rampla na entrada posterior do patio cuberto.

Os traballos de mantemento realízanse durante todo o ano mais no período estival déixanse aqueles que poden interrumpir o normal funcionamento das clases. Ademais dos arranxos puntuais o Concello encárgase de xeito periódico do mantemento das zonas verdes e xardíns, revisión do sistema eléctrico, posta a punto dos extintores, reparacións en caldeiras e radiadores, entre outras.

7 de xullo de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.