publicidade hoxe

Comezan as obras na emblemática Torre do Reloxo de Neda para recuperar a súa imaxe orixinal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, anunciou o inicio material das obras de posta en valor da emblemática Torre do Reloxo. Actuación que comezaba oficialmente hai dúas semanas coa sinatura da acta de replanteo e que, esta mañá, arrancaba cos traballos de operarios e maquinaria. A intervención permitirá recuperar a imaxe orixinal desta peza arquitectónica incluída no Inventario de Bens de Interese Cultural da Xunta de Galicia. Con máis de dous séculos de vida, o inmoble albergou nas súas orixes o antigo Hospital de Peregrinos e, hoxe, é sede da Oficina Municipal de Rehabilitación e do Arquivo Municipal.

Trátase dun proxecto no que o propio alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, traballou durante meses, con diferentes reunións cos responsables autonómicos de cara a recabar a súa colaboración económica e lograr así que a intervención tivese custe cero para as arcas locais. A última desas xuntanzas, co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, deu positivos resultados e, a partir de ahí, o Concello trasladou unha memoria dos traballos que sería preciso levar a cabo. Tras o seu estudo, a Xunta deu o seu visto bo para financiar a primeira fase da actuación. Unha intervención valorada nuns 35.000 euros, que aporta ao 100% a Xunta.

De feito, a Administración autonómica contratou directamente as obras, namentras que a dirección de obra recae na Oficina Municipal de Rehabilitación de Neda. Así, eliminaránse as instalacións acumuladas ao longo dos anos na fachada da Torre do Reloxo, catalogada como Ben de Interese Cultural, e que desvirtúan notablemente a imaxe deste inmoble de gran valor patrimonial. Instalacións que, fundamentalmente, son de alumeado público, de electricidade e de telefonía. Cos seus cadros correspondentes, trasladaránse á rúa Real. Ao tempo, realizaráse o tratamento da fachada e recuperaráse a imaxe orixinal. Finalmente, sustituiráse a carpintería metálica por madeira. Actuación que podería finalizar a finais do mes de agosto.

Xa nunha segunda fase, e a expensas de obter financiación externa, o alcalde plantéase o obxectivo de acondicionar o interior das oficinas municipais ubicadas na pranta baixa. Unha actuación que permitirá recuperar unha parte do grande patrimonio histórico que o Concello de Neda alberga, como integrante do espacio público urbano, así como mellorar a calidade dos servizos aos veciños e ao peregrino ao seu paso por Neda.

10 de xullo de 2014 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.