Comezan as obras de mellora nas estradas VG-48, a PO-548 e a PO-303
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras de reparación do firme da PO-531, estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
Durante esta visita destacou que hoxe mesmo iniciáronse novas obras de reforma e mellora do firme nas estradas PO-548 entre Pontecesures e Vilagarcía; na PO-303, entre Samieira e Castrelo, e na VG-48 entre Campañó e Poio, “actuacións que supoñen un investimento de case 180.000 euros”, explicou Cores Tourís.
A estes traballos hai que sumar os que tamén se están a realizar co mesmo fin na PO-305 entre Vilagarcía e Caldas de Reis.
“En concreto, estase a traballar para mellorar o firme de varias estradas da provincia co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria, para o que se están a levar a cabo actuacións sobre o firme e os marxes que permiten mellorar as súas características actuais”, explicou Cores Tourís, quen destacou o investimento global que se está a destinar a estas actuacións, que rolda o millón de euros. “No caso da PO-531, que enlaza Pontevedra con Vilagarcía e na que se están a investir case 600.000 euros, os traballos estanse a executarse a bo ritmo o que permitirá que se rematen, segundo agardamos, no prazo fixado”.
En concreto, os traballos céntranse no fresado e reposición da capa de rodadura, a reposición da capa intermedia e o selado de gretas. Tamén se están a repoñer marcas viarias e balizamentos.
No caso concreto das obras que comezaron hoxe, céntranse, no caso da VG-48 entre Campañó e Poio nos quilómetros 0 ao 3 desta estrada; na PO-548 executaranse melloras entre os puntos quilométricos 3 e 7, e finalmente, na PO-303, levaranse a cabo melloras ao longo de 12 quilómetros.











