Comeza a XXXV Xornada de Folclore Galego co patrocinio das Cancelas
A popular Xornada de Folclore, enmarcada dentro das Festas do Apóstolo 2014 que arrincaron onte co pregón do triatleta campión do mundo Ivan Raña, celebrarase hoxe ás 21:00 h na Praza da Quintana.
Os mellores grupos de música e baile tradicional de Santiago, Brincadeira, Cantigas e Agarimos e Colexiata do Sar, ademais dos coruñeses Donaire, daranse cita neste evento, patrocinado un ano máis polo Centro Comercial das Cancelas.
Unha tarde de teatro en Platerías, da man de Pista Catro e Elefante Elegante, o concerto de De Nauters, e a gran verbena que terá lugar a partir das 22:30 h na Alameda coa Orquestra Ipanema completan o elenco de actividades programadas para este primeiro sábado das festas de Santiago.
Mañá poderemos gozar dos concertos de Susana Seivane e a Banda Municipal de Música tras a XXXV edición do Día do Traxe Galego. Para os máis pequenos, o grupo de animación musical infantil Os Tres Tenedores actuará na Praza do Toural, coa súa obra Ensalada de instrumentos, unha mestura de música, humor e teatro con fins didácticos.











