COGAMI inicia un curso de formación para 15 persoas con discapacidade desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un curso de formación para desempregados, de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, nas instalacións que COGAMI ten en Monteporreiro (Rúa Alemaña, nº 23, Monteporreiro- Pontevedra) e no que participan 15 persoas, 6 mulleres e 9 homes.

Este curso, de 448 horas lectivas, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo, e terá lugar de luns a venres en horario de 16 a 21 horas ata finais de novembro.

Todas as persoas que inician esta acción formativa están apuntadas no servizo de intermediación laboral (SIL) que ten COGAMI en Pontevedra e proceden dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Vilanova, Cambados, Valga e Caldas. Todos teñen discapacidade recoñecida, e algúns deles proceden doutras profesións das que non van poder volver traballar por ter unha incapacidade laboral recoñecida. Outros, en cambio, fórmanse porque queren ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

A temática que van ter que asimilar consiste en técnicas administrativas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade. Ademais, terán a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais.

Con este tipo de accións formativas, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade inténtase que o colectivo que representa estea preparado para inserirse no mercado laboral e conseguir, finalmente, a súa inclusión na sociedade.

16 de xullo de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.