COGAMI colabora cos autónomos para favorecer o autoemprego nas persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

As instalacións que ten COGAMI en Santiago acolleron esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e maila Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), co fin de favorecer o fomento do autoemprego, a inclusión social, a mellora da competitividade, a formación e a adaptación ás novas tecnoloxías das persoas con discapacidade.

O Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, expresou o seu agradecemento á FEAGA por contactar con COGAMI para levar a cabo este acordo porque vai supoñer “un impulso, un apoio para as persoas con discapacidade que queren darse de alta como autónomas e poñer en marcha a súa propia iniciativa”.

Dende a Federación de Autónomos, que comprende máis de 50 organizacións asociadas e representa a preto de 20.000 autónomos, Francisco Javier Pérez, o Presidente de FEAGA, expresou que este acordo “permite optimizar os recursos que teñen as dúas entidades para sacarlle o maior rendemento”, e que vai permitir “intercambiar información, intercambiar experiencias e axudar a aquelas persoas con discapacidade que teñan unha idea e que queiran montar a súa propia empresa”.

Tanto COGAMI como FEAGA coinciden en que a persoa traballadora autónoma supón un factor básico para a actividade empresarial, polo que consideran que as Administracións Públicas deben facer políticas para apoiala por ser un pilar dentro da economía e, por conseguinte, por contribuír á mellora da calidade de vida da cidadanía.

A través deste tipo de convenios, dende COGAMI preténdese fomentar as políticas activas de emprego das persoas con discapacidade, e tamén, difundir os bens e servizos que prestan os centros especiais de emprego do seu grupo de empresas. Pola súa banda, FEAGA difundirá a través dos seus asociados estas medidas e promocionará o servizo de orientación laboral que ten COGAMI, o SIL, considerado como axencia de colocación polo Ministerio de Empleo, no que traballan 40 persoas, e que en 48 horas seleccionan candidatos adaptados ao posto de traballo demandado. O SIL conta cunha bolsa de demandantes de emprego que supera as 19.000 persoas inscritas e durante o ano pasado logrou 2.224 insercións laborais en Galicia.

31 de xullo de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.