Chegan os primeiros participantes do programa ‘Conecta con Galicia’ que trae á comunidade a 190 descendentes de galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda recibe aos primeiros participantes de 'Conecta con Galicia'

Miranda recibe aos primeiros participantes de ‘Conecta con Galicia’

Os primeiros participantes do programa ‘Conecta con Galicia’, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, chegaron xa a Galicia, onde foron recibidos polo titular do primeiro departamento, Antonio Rodríguez Miranda, e onde terán oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares.

‘Conecta con Galicia’ é un programa que ten como obxectivo fornecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permitirá que 190 descendentes de cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano.

Actividades de aire libre

‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 170 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe O mar de Galicia, no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Campos de traballo

A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 20 prazas, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.

Solicitantes

Neste ano recibíronse 330 solicitudes para este programa. Foron Arxentina, con 188 solicitudes, e Uruguai, con 71, os países que mais o demandaron. Unha vez aplicado o baremo establecido na resolución da convocatoria, vanse beneficiar da mesma 2 rapaces de Alemaña, 80 de Arxentina, 10 de Brasil, 1 de Chile, 3 de Cuba, 2 de España, 2 de México, 1 de Perú, 1 de Portugal, 55 de Uruguai, e 18 de Venezuela.

1 de xullo de 2014 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.