Chegan os participantes nos cursos do programa ‘Escolas abertas 2014’ de emigración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Chegada ao aeroporto de Lavacolla de 35 participantes de Arxentina

Chegada ao aeroporto de Lavacolla de 35 participantes de Arxentina

Os participantes nos cursos presenciais do programa “Escolas Abertas 2014” da Secretaría Xeral da Emigración comezaron a chegar a Galicia, e [mañá venres] comezarán os obradoiros de formación de carácter presencial previstos nesta iniciativa, dirixida tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns individuais residentes no estranxeiro.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nado, fóra da Galicia territorial.

Efecto multiplicador

Así, segundo os cálculos do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, a formación que a través dos participantes nas distintas edicións anuais de Escolas Abertas espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pois ata o momento se formaron directamente nas distintas edicións do programa máis 600 persoas.

O número de beneficiarios na edición deste ano acada os 90, dos que 35 proceden de Arxentina, 9 de Uruguai, 11 de Cuba, 6 de Venezuela, 8 de Brasil, 6 doutros países americanos, 7 doutros países europeos distintos de España, e 8 doutras comunidades autónomas españolas distintas de Galicia.

Os cursos

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2014 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

Cómpre salientar que se trata de disciplinas que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos. Tamén cabe destacar que este ano se continúa co curso de confección de traxe tradicional galego, debido a grade demanda que tivo o ano pasado.

En calquera caso, ademais dos coñecementos técnicos de cadanseu curso, o obxectivo que persegue a iniciativa de Emigración é que, mediante a súa experiencia persoal, os participantes adquiran tamén unha perspectiva real da Galicia actual e moderna, e así poidan transmitila en todos aqueles múltiplos puntos do planeta onde está sementada a Galeguidade a través dos centros e casas de Galicia.

17 de xullo de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.