Chegan a Mos os nenos saharauis que pasarán as súas Vacacións en Paz no municipio

Recepción dos nenos saharauis no Concello de Mos
Hoxe celebrouse o acto de recibimento que dende o Concello de Mos se lles organiza ós seis nenos saharauis que, gracias ó programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, pasarán os meses de verán xunto con familias veciñas do municipio mosense.
Os cativos saharauis que cegaron o pasado luns, día 7 de xullo a primeira hora da mañá, a Mos e que hoxe foron recibidos oficialmente teñen 10 e 11 anos de idade e son 4 nenos e dúas nenas. Dos rapaces saharauis que pasarán o verán en Mos, dous repiten experiencia e os catro restantes é a primeira vez que viaxan a Galicia. En total á comunidade autónoma galega chegaron este ano 326 nenos e nenas saharauis para pasar as súas Vacacións en Paz.
As familias mosenses acolledoras son dúas da parroquia de Dornelas, unha de Petelos, unha de Sanguiñeda, unha de Pereiras (concretamente de San Rafael) e unha de Sanguiñeda.
A recepción realizouse ás 13.00 horas na Casa Constistorial mosense coa presencia de, ademais dos 6 pequenos protagonistas e as súas familias de acollida, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Benestar Social mosense e delegada en Mos da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Sara Cebreiro.
O Concello de Mos, ademais dunha aportación económica ó programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, colabora co mesmo poñendo a disposición das familias acolledoras mosenses de xeito totalmente gratuíto a participación dos cativos no campamento estival Mañás de Verán, para que os pais de acollida poidan conciliar fácilmente as súas vidas familiar e laboral. E ademais o Concello organizará para os cativos saharauis unha xornada de convivencia na Piscina Municipal ó aire libre de San Eleuterio e unha saída con visita e actividade na Biblioteca Municipal.
Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán.
Este ano deuxe xa o caso dun pequeno dos acollidos por familias mosenses que tivo que ser intervido nada máis chegar por un problema nun ollo e estivo hospitalizado durante un breve período de tempo. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.
Sobre este programa a edil mosense, Sara Cebreiro, declarou esta mañá que “é unha verdadeira sorte poder contar no municipio de Mos con familias que, a pesar do momento delicado a nivel económico no que nos atopamos, decidan e poidan involucrarse nunha causa solidaria coma esta, que trae sorrisos a nenos e nenas que verdadeiramente o necesitan”.











