Chegan a Cervo Waara e Bachrir, os nenos saharauis participantes no programa Vacacións en Paz

Recepción aos cativos saharauis
O Concello recibiu este mediodía a Waara e Bachrir, dous nenos saharauís que pasarán os meses de xullo e agosto coas súas familias de acollida en Cervo. Un acto no que estivo presente o alcalde, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, os dous nenos, e membros das familias de acollida.
O rexedor e a edil déronlles a benvida ao municipio e desexáronlles unhas felices vacacións en Cervo. Armada asegura que “estamos moi contentos de que pasen o verán con nós. Agardamos que a súa estancia sexa agradable, que estean cómodos en Cervo e a experiencia sexa satisfactoria tal e como vén sendo todos os anos”.
Hai que dicir que este é o terceiro ano de Waara en Cervo, e o quinto de Bachrir, aínda que as familias de acollida levan moitos anos participando no programa “Vacacións en paz” que impulsa a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e coa que colabora o Concello financiando a viaxe de ida e volta dos cativos e, desta maneira, facendo posible que pasen o verán lonxe do calor do deserto do Sáhara.
Ao mesmo tempo, o Concello quere facer un agradecemento expreso ás familias de acollida “pola súa xenerosidade e sobre todo pola súa implicación cos nenos e coa súa problemática, non só durante os meses da súa estancia, senón durante todo o ano”.
Ademais, dende o Concello queren aproveitar para ofrecer a súa colaboración a todas as persoas que queiran unirse a esta iniciativa. “Apoiaremos a todas as familias que teñan a posibilidade de acoller na súa casa a nenos saharauís durante o verán para darlles uns meses de respiro afastados das elevadas temperaturas do deserto e das situacións de conflito e necesidade que viven nos campamentos de refuxiados” remata Armada.











