Chega a Boiro “Antía, Wamba e o regato pequeno”
Da man da compañía teatral A Tropa de Trapo, chegan a Boiro ANTÍA, WAMBA E O REGATO PEQUENO.
A actividade está organizada polo Departamento de Servizos Sociais, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Esta actuación, dirixida a público infantil e familiar, terá lugar o vindeiro martes 29 de xullo, ás 12:00h, na Casa da Cultura de Boiro (Parque da Cachada).
Antía, Wamba e o regato pequeno son catro historias que serven para facer reflexionar a grandes e a pequenos sobre a solidariedade, a igualdade e o que nos podemos aportar os uns aos outros. Catro contos na boca de Wamba, un mozo do Congo que un día tropezou con Antía, unha nena galega, e xuntos descubriron que podían compartir moito máis do que pensaban.
Ao longo do espectáculo, Wamba contaralle a Antía historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… Contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar.Todo fiado coa voz de Wamba e un refrán de súa avoa: o río énchese de regatos pequenos.











