Cerdedo asina un convenio de prevención de incendios coa actuación de brigadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+

O Alcalde de Cerdedo, José Balseiros, asinou coa Consellería de Medio Rural e do Mar o convenio de colaboración para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación de brigadas de incendios.

Como é ben sabido o Alcalde de Cerdedo mostra unha gran sensibilidade cos incendios forestais e moi especialmente por mor dos graves incendios do ano 2006, onde comprobou de primeira man os graves sucesos que ocorreron. Por tal motivo e unha vez que chega a época estival, o Concello non escatima en esforzos e desprega un amplo operativo especial contra os incendios que poden chegar a ocorrer, feito que se demostra coa posta a disposición e con prioridade absoluta, a dedicación da brigada de operarios e das cisternas municipais en caso de producirse o máis mínimo conato de incendio e que poña en perigo casas ou vidas humanas. A isto témoslle que engadir as importantes tarefas de rozas e limpezas que realiza de forma periódica e por parroquias os operarios municipais e que intensificaron neste último mes coa incorporación dos novos traballadores concedidos pola Deputación Provincial de Pontevedra que centran os seus traballos nestas limpezas.

Con este convenio recentemente asinado, crearase do mesmo xeito que o ano pasado unha brigada contra incendios, que estará composta por 5 membros (un encargado, un condutor e 3 peóns de retén de incendios). Estes traballadores calcúlase que empezarán a desenvolver os seus traballos a partir do próximo 16 de xullo tras realizar o correspondente proceso selectivo que se realiza a través da Oficina de emprego de Pontevedra que será a encargada (tras a presentación da oferta do Concello) de remitir a listaxe de candidatos. Unha vez remitido esta listaxe, a próxima semana realizaranse as entrevistas persoais e probas correspondentes ao proceso selectivo. Unha vez que teñamos os 5 candidatos os mesmos deberán de pasar un recoñecemento médico, realizar unha proba de esforzo e realizar o curso obligatorio de formación de 16 h. de duración con estes contidos: A defensa contra os incendios forestais en Galicia, Comportamento do lume. Factores que inflúen na evolución do lume, ferramentas, Extinción e liquidación, Condución de vehículos todoterreo, Seguridade laboral en incendios forestais, primeiros auxilios, Traballo co vehículo motobomba, liñas de defensa e ferramentas, EPI e comunicacións,Seguridade e saúde e Partes, Medios aéreos Embarque e desembarque.

Todo este proceso e demostrando unha modernización importante na prestación de servizos compartidos, farase simultaneamente cos concellos de Campolameiro, Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes para minimizar así os custos e centralizar todas estas probas coa empresa seleccionada e especializada no sector.

Os contratos terán unha duración de 3 meses.

“Os incendios forestais son unha ameaza que afecta hoxe en día, de xeitoxeral, non só ao patrimonio forestal público e privado (tanto montes de particulares, montes veciñais en man común e montes de varas), senón taménaos recursos naturais e ao mantemento e desenvolvemento da actividade humana non medio rural, e dende este Concello queremos pór en valor os nosos montes e que teñan un triplo uso: recreativo, produtor e protector.” declara o Alcalde.

A brigada realizará as siguientes tarefas:

Traballos de vixilancia e defensa contra os incendios forestais: As brigadas colaborarán prioritariamente con respecto a outros traballos na defensa contra os incendios integrándose no dispositivo do Distrito Forestal XVI que é ao que pertence o Concello de Cerdedo. Así mesmo, cando concorran razóns extraordinarias, colaborarán na defensa de incendios declarados enotros ámbitos territoriais, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén realizarán labores encamiñados á prevención que diminúan o risco de propagación e minoren os danos dos incendios, en caso de producirse. Estes traballos desenvólvense en faias de xestión de biomasa ou nos terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido, así como en vías e camiños forestais de titularidade municipal cando non sexa posible mecanizar estes traballos. Os traballos consistirán en actuacións manuais en vías e camiños forestais, áreas devasas e faias de xestión de biomasa mediante roza, rareo e eliminación de restos, con 5 has como mínimo nos tres meses de operatividade da brigada.

A brigada será subvencionada cunha cantidade que rolda os 16.000 € e as actuacións que teñan que realizar en materia de prevención como son as rozas selectivas, teñen unha achega da Xunta de Galicia de 2.250 € por hectárea rozada, cun límite de 11.250 €.

Crearase unha comisión de seguimento presidida polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, un representante do Concello e o xefe do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais para velar polo cumprimento do convenio e adecuación de traballos segundo o plan presentado.

5 de xullo de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.