Centro Cultural inaugura unha mostra do fotógrafo Plácido L. Rodríguez sobre a India e Nepal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense inaugura esta tarde, ás 20.15 horas, unha exposición sobre a India e Nepal do fotógrafo ourensán Plácido L. Rodríguez. A mostra, titulada “Arquitecturas da alma” recolle en 40 fotografías pasaxes da vida cotiá dos habitantes destes dous países así como fermosas paisaxes, “todo un mundo de espiritualidade, cores e aromas que impregna ao viaxeiro dende o primeiro momento que visita estas terras”, explicou o artista, quen define a naturalidade e a bonhomía como trazas características dos habitantes da India e de Nepal, “o que permite ao fotógrafo realizar o seu traballo coa calma e a reflexión necesarias”.

A presentación do catálogo e da exposición tivo lugar esta mañá neste mesmo espazo expositivo, e contou coa presenza, ademais do autor, do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do director do Centro Cultural, Francisco González, do autor do texto do catálogo, Manuel Blanco Luis, e do asesor de Cultura da institución provincial, César Fernández.

O máis destacado da exposición, en palabras de Manuel Blanco Luis, “é como soubo Plácido L. Rodríguez captar a mirada dos personaxes retratados nas fotografías, pois a través destas miradas un pode atoparse cunha cultura fascinante e complexa, e mesmo semella que son estas fotos as que nos miran a nós e non nós a elas”.

Espiritualidade, vida, morte e unha chea de existencias tan naturais como anónimas é o que nos ofrece esta mostra que permanecerá en exposición ata o vindeiro 15 de agosto no Centro Cultural para que os amantes da fotografía e das viaxes poidan contemplala dende unha visión crítica e emotiva ao mesmo tempo.

3 de xullo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.