Cedeira será o punto de partida da primeira edición do circuito deportivo Winnerman

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraDeportes
A-
A+

A primeira edición da competición nacional Winnerman, na que se combinará a natación e a carreira a pé, arrancará en Cedeira o día 27 de xullo. Será o punto de partida dun itinerario que inclúe oito cidades de toda España e que prevé sumar a participación duns 3.000 atletas. O alcalde da vila, Luis Rubido, presentaba onte á tarde a cita no pavillón polideportivo xunto ao concelleiro de Deportes, Pablo Nebril; o director de Winnerman, Jesús de la Fuente; o director deportivo do Club Natación CedeiraMuebles García, Xan Suárez; o presidente do clube, Francisco Javier Martul, e os representantes das principais firmas patrocinadoras da competición en Cedeira, Jesús Villasuso (Villasuso Construcción) e José Antonio García (Muebles García). Trátase dunha competición na que o corpo é o único motor. Así, Winnerman desmárcase do triatlón convencional para crear un novo reto deportivo de alta esixencia que invita aos deportistas a realizar un circuito mediante a secuencia de nadar, correr e nadar de novo.

Unha proba diferente, singular e atractiva que se levará a cabo nun circuito urbano e que percorrerá diferentes localizacións en territorio nacional durante os meses de verán. Así, a esixencia das probas varía en función das distintas categorías dos participantes: promoción (nados en 2005 e posteriores) 150 metros natación, 500 metros carreira e 150 metros natación; junior (entre os anos 2000 e 2004), 250+500+250; amateur (entre 1996 e 1999) 750+3000+750; profesional (entre 1995 e 1984), veterán 1 (entre 1974 e 1983) e veterán 2 (antes de 1975) 1000+5000+1000. Así, a inscripción para a proba de Cedeira está xa aberta na páxina web de Champion Chip (http://www.championchipnorte.com/evento/detalle/id/248/winnermancedeira) e no enderezo electrónico cnatacion@gmail.com para a categoría promoción. Repartiránse premios para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina (200, 100 e 50 euros) na categoría profesional e trofeos nas restantes.

O calendario, que se inicia en Cedeira, continuará en Laxe, Lagunas de Ruidera (Castela A Mancha), Castro Urdiales (Cantabria), Ourense, Sestao e Baracaldo (en Euskadi) e concluirá na Coruña. Así, en Cedeira a competición arrancará sobre as 16,45 horas e desenvolveráse no entorno da praia da Magdalena. No acto de presentación, Jesús de la Fuente fixo un chamamento á participación, namentras que o alcalde, Luis Rubido, agradeceu á organización da proba a elección da vila, xa que permitirá a través do deporte dar a coñecer Cedeira, co impacto económico e sobre a hostelería que trae consigo. Así mesmo, a organización quixo destacar tamén a colaboración prestada pola Agrupación Local de Protección Civil.

16 de xullo de 2014 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.