Cedeira rememorará o seu pasado medieval na I Feira Terras de Lancelot

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeira
A-
A+

Cedeira rememorará o seu pasado medieval grazas á primeira Feira Terras de Lancelot, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xullo na Avenida da Marina, o paseo que une as pontes vella e nova, no casco histórico da vila. A cita está organizada polo Concello, a través da Concellería de Cultura; conta coa dirección de Manuel Aneiros, historiador da Arte e alma mater doutra cita emblemática en Cedeira, o Lugnasad, e inspírase no libro “Sir Lanzarote do Lago e a súa proxenie cedeiresa”, do historiador e cronista oficial da vila, Rafael Usero, e editado pola Fundación Municipal Villabrille.

Así, a feira non só contará cos diferentes postos de artesanía senón tamén con importantes reclamos para favorecer a participación dos nenos e mozos, fundamentalmente. En concreto, o Concello convoca dous certames cos que se pretende implicar a estes colectivos na recuperación e posta en valor do pasado medieval de Cedeira. O primeiro, un concurso de relatos e, o segundo, de debuxos. E, en ambos casos, cunha mesma temática: a figura de Lancelot de Lago. Segundo consta nun manuscrito do Conde de Lemos con data do século XVI, Sir Lanzarote de Lago, o máis grande dos cabaleiros do Rei Arturo, tería desembarcado no peirao de Cedeira procedente de Bretaña e fuxindo do amor que profesaba pola raíña Xinebra.

Un manuscrito que a vila dá a coñecer nun enorme mural de cerámica ubicado xunto á casa consistorial. Lenda ou non, paseando polo casco histórico de Cedeira non sería difícil imaxinarse ao nobre cabaleiro. E é que o rueiro da zona antiga foi debuxado e levantado no Medievo sen que, a día de hoxe, se modificasen os itinerarios orixinais. Deste xeito, e aínda que os concursos teñen como principais destinatarios a nenos e mozos, non hai limitacións de idade en canto á participación. Os interesados en inscribirse poden facelo dende xa na Oficina Municipal de Turismo. Alí deberán cubrir unha ficha con nome e apelidos, teléfono ou email, idade e título da obra. O prazo concluirá o sábado, 19 de xullo. Así mesmo, aqueles que entreguen as súas obras na feira e vaian ataviados con vestimenta da época recibirán un pequeño agasallo.

O xurado estará formado polo alcalde, Luis Rubido; o propio Manuel Aneiros, o profesor Rafael Usero e un representante dos medios de comunicación e da arte. O domingo entregaránse os premios por categorías. Doutra banda, a organización sinala que os artesáns que desexen participar poden facelo enviando un correo electrónico a terrasdelancelot@gmail.com ou galiciamagica@galiciamagica.com. O prezo será simbólico para favorecer a participación.

7 de xullo de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.