publicidade hoxe

Cedeira lanza unha páxina web para dar a coñecer o programa de festexos da Patrona 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

www.fiestasdecedeira.es é o novo portal web no que veciños e turistas poden, dende xa, consultar toda a información sobre o programa da Patrona 2014. Concertos, horarios, escenarios… e, non só iso, senón que tamén reserva un lugar destacado para os principais recursos turísticos do municipio e servirá para promocionar e dar a coñecer a oferta hosteleira da vila, xa que inclúe información e imaxes dos bares, restaurantes, aloxamentos, comercios ou outro tipo de establecementos que colaboran coas festas. Uns festexos que este ano coorganizan o Concello a través da Concellería de Cultura e unha Comisión Cidadá de Festas. Óscar Pérez, membro da citada comisión e programador da páxina web, sinala que o portal “é unha ferramenta fundamental para fomentar e dar a coñecer Cedeira mediante os festexos patronais”.

“Un espazo imprescindible dentro das actividades que impulsan as festas”. Así mesmo, coa web, tamén se compensa aos establecementos que axudan á Patrona 2014, cun espazo onde darse a coñecer. O programa da Patrona 2014, consensuado por Concello e Comisión, traerá á vila, do 12 ao 17 de agosto, a grupos como La Pegatina ou Revólver; orquestras da talla da París de Noia, Palladium ou Fania Blanco Show; cantautores como Andrés Suárez, ou o Festival Cedeira éFolk.

Días nos que tamén se revivirán de novo tradicións como a procesión terrestre e os fogos artificiais na Praia o 15 de agosto; a procesión marítima o 16 ou a Xira a San Antonio o 17. E, como non, outras propostas deportivas e culturais como a Semana Infantil (do 4 ao 8 de agosto); o Maratón Popular (día 8); a Travesía á Ría (día 9); o Entroido de Verán (día 9), ou os tradicionais Xogos Populares (día 10).

9 de xullo de 2014 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.