Cedeira acollerá catro trofeos de fútbol en catro días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Os amantes do fútbol están de noraboa en Cedeira o próximo mes. E é que a vila acollerá en agosto, e no marco das festas patronais, catro torneos, algúns xa clásicos no calendario de verán da comarca. Todos eles, con mesmo esceario e horario: no campo municipal do Beco, a partires das seis do serán. Así, o 13 de agosto disputaráse o Triangular Leira Antiga.

Con entrada gratuíta, a competición contará coa participación do Racing de Ferrol cadete –actualmente na División de Honra, o Galicia de Caranza cadete –na mesma categoría– e o Cedeira SD xuvenil –liga local. Está patrocinado polo establecemento hosteleiro Leira Antiga, coa colaboración do Concello e do SD Cedeira. Ao día seguinte, 14 de agosto, o campo municipal acollerá un torneo xa veterán como é o Trofeo Maracaná. Organizado polo establecemento hosteleiro que lle dá nome, conta co apoio do Concello e do Cedeira SD. Nesta edición, ofrecerá o encontro entre o Viveiro CF –Preferente Norte– e o CD As Pontes –3ª División.

E, nesta ocasión, o prezo das entradas será de cinco euros. O 15 de agosto, e coincidindo co día grande das Festas Patronais, a vila volve celebrar outro clásico da tempada de verán: o Trofeo Cedeira Sport que, como no caso anterior, promove o establecemento comercial que lle dá nome co apoio do Concello e do equipo local.

Con entradas a cinco euros, disputarán o torneo os equipos do CD Cariño –2ª Rexional, Narón Balompé Piñeiros –1ª Rexional– e a formación local, o Cedeira SD –1ª Rexional. Pechando o calendario futbolístico na vila, o 16 de agosto, o público ten unha cita ineludible co Memorial Miguel López Pérez. Racing de Ferrol e Celta de Vigo B –ambos en 2ª División B– medirán as súas forzas no campo municipal e con entradas a 10 euros. Dende a organización infórmase de que os interesados poden expedir abonos para asistir ás tres competicións de pago ao prezo único de 15 euros.

28 de xullo de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.