Catro familias de Brión acollerán nenos saharauís durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Recepción aos nenos saharauis que pasarán o verán en Brión

Recepción aos nenos saharauis que pasarán o verán en Brión

Catro familias de Brión participan este verán na campaña “Vacacións en Paz”, un programa de acollemento organizado pola organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e que conta coa colaboración do Concello de Brión. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a responsable dos Servizos Sociais brioneses, Pilar Vázquez, recibiron ás familias e aos catro pequenos no Centro Social Polivalente.

Xosé Luís García ofreceulles ás familias todo o apoio e colaboración do Concello de Brión, que achega o 50% do custe, ao tempo que lles agradeceu “o importante esforzo económico e de tempo que fan acollendo a estes pequenos, pero creo que é algo que merecen e estou seguro de que o pasarán moi ben connosco”. O alcalde brionés aproveitou esta pequena recepción para agasallar aos pequenos cuns libros, “xa que teño entendido que estades a montar unha biblioteca aló en Tindouf”.

Pola súa banda, as familias brionesas destacaron o cariño que dan estes pequenos e como os animan a facer cousas constantemente. Así, a piscina e a praia son dúas das actividades preferidas por estes rapaces, cuxa estancia en Brión será aproveitada tamén por estas familias para facerlles as correspondentes revisións médicas. Tres destas familias xa participaran anteriormente no programa “Vacacións en Paz”, mentres que unha se incorpora por primeira vez este ano. En canto aos rapaces, tres deles visitan Brión por primeira vez.

11 de xullo de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.