Case un ano despois do accidente de Angrois as vítimas continúan en rehabilitación e buscando a verdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

As vítimas do accidente do Alvia acontecido no barrio compostelano de Angrois o 24 de xullo de 2013 seguen, case un ano despois do descarrilamento, “en rehabilitación” e “buscando a verdade”.

O presidente da Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas), Cristóbal González, e o voceiro da Plataforma de Vítimas Alvia 01455 Arturo Domínguez, participaron este xoves en Compostela na presentación dun libro de poemas en homenaxe aos veciños de Angrois.

Tras o acto, Cristóbal González explicou que, a punto de cumprirse un ano do tráxico suceso, “todas as vítimas seguen aínda en proceso de rehabilitación”, tanto psicolóxica como, en moitos casos, física, dado que algúns feridos continúan aínda realizando operacións cirúrxicas. “Aínda quedan lesións físicas e psíquicas, isto non está a ser doado para ningún de nós”, sentenciou.

Na mesma liña, Arturo Domínguez tamén apuntou que existen persoas afectadas que non entraron en contacto coas asociacións porque “non poden recordar ese día” dadas as consecuencias psicolóxicas do accidente.

A plataforma, explicou Domínguez, continúa tamén case 12 meses despois “buscando a verdade”. “A nosa obsesión é a verdade, a xustiza e a reparación”, explicou o voceiro, ao tempo que sinalou que, segundo os datos dos que dispoñen, o accidente “se podería evitar”.

As asociacións ultiman en Santiago os actos de conmemoración do primeiro aniversario do accidente de Angrois, no que celebrarán unha misa na Catedral e, posteriormente, un acto na propia curva de A Grandeira.

3 de xullo de 2014 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.