Carles Planas aportará solvencia e regularidade para a defensa do Real Club Celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

O Real Club Celta continúa traballando con intensidade na confección do seu persoal para a tempada 2014/2015. Tras as fichaxes de Larrivey, Pablo Hernández e Sergi Gómez, o club celeste pechou a contratación, pendente das probas médicas, do novo lateral esquerdo Carles Planas, que a pasada campaña disputou 35 partidos no Barcelona B. O defensa será presentado, en caso que a revisión médica sexa satisfactoria, o vindeiro luns ás 13.30 horas no estadio de Balaídos.

Carles Planas Antolínez (San Celoni, Barcelona, 4 de marzo de 1991) chega coa carta de liberdade e será xogador do Real Club Celta as tres próximas tempadas. Trátase dun futbolista que tamén pode desenvolverse con solvencia na posición de central e que desprega intensidade e rigor en defensa, cunha gran capacidade de sacrificio e enorme fiabilidade. Goza dun bo golpeo coa súa perna esquerda e ofrece boa saída de balón.

O defensa, internacional nos diferentes combinados nacionais desde o Sub-15 até o Sub-21, formouse, desde que tiña 10 anos de idade, nas categorías inferiores do Fútbol Club Barcelona e en novembro de 2012 debutou co primeiro equipo nun partido por Copa do Rei ante o Deportivo Alavés.

En decembro dese mesmo ano estreouse, como titular, na liga de Campións ante o Benfica e realizou a pretemporada co primeiro equipo do F.C. Barcelona.

A presentación do xogador será, unha vez realizada esa mesma mañá a revisión médica e en caso de resultados satisfactorios, o luns ás 13.30 horas no Estadio de Balaídos.

5 de xullo de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.